
A Deputación de Ourense recoñeceu o pasado xoves, 27 de novembro de 2025, a Xosé González Martínez co 1º Premio Rodolfo Prada na súa 8ª edición, unha distinción que honra unha vida enteira posta ao servizo de Galicia e á defensa do seu maior sinal de identidade: a lingua galega.
O compromiso social do noso compañeiro naceu moi cedo. Na década dos 70, como Pepiño de Teís, iniciouse no activismo político e xa nos anos 80, en Redondela, coñecido como Pepe de Redondela, seguíu traballando arreo guiado polo mesmo ideal: construír un futuro no que Galicia e o galego ocupen o lugar que lles corresponde, unha traxectoria longa e coherente, que cristaliza en iniciativas que deixan fonda pegada no país. Como coordinador do colectivo Galeguizar Galicia, Pepe continúa a impulsar proxectos, sumar vontades e fortalecer a presenza da lingua nos máis diversos eidos sociais e profesionais buscando a súa plena normalización na sociedade.
A concesión deste premio é un recoñecemento merecido a esa entrega continuada e unha fonda alegría para as persoas que valoramos o seu labor. Parabéns Pepe, e grazas por unha vida enteira de compromiso e amor a Galicia!
















