O Foro E. Peinador vén de publicar o libro “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal”, escrito polo profesor Ricardo Gurriarán Rodríguez. Trátase da primeira biografía escrita sobre o científico galego máis importante do século XX. O seu labor como docente convulsionou as vellas estruturas universitarias, tanto nas relacións alumno-profesor, como na introdución da investigación ligada á docencia, entendemos que por condición humana, por proxecto persoal de compromiso e por influxo do equipo docente que tivera en Madrid, con vocación universal.
Segundo o detallado estudo do profesor Ricardo Gurriarán “ levou a cabo a recuperación para a Universidade de Santiago dos vellos laboratorios herdados de Antonio Casares.Máis adiante puxo a andar o Laboratorio de Xeoquímica, cun imporante orzamento complementario para material, con apoio institucional. Na Xeoquímica, disciplina na que se deran os pasos iniciais cando Parga era un mozo, está considerado como un dos primeiros especialistas españois, xunto ao seu amigo e colaborador Martín Cardoso”.
O mapa xeolóxico de Galicia foi unha das achegas máis importantes de Isidro Parga POndal para o descubrimento da riqueza do subsolo de Galicia. Dese labor investigador naceu a gran empresa por innovación e impacto Cementos do Noroeste, S.L. (1958), a primeira cementeira galega para producir cemento artificial tipo Port-land por “vía seca” en Oural (Lugo). Estaba dirixida por un equipo integrado por Antonio Fernández López, que era enxeñeiro, Fidel Isla Couto, Isidro Parga, que figuraba como Vocal do Consello de Administración, e outros homes de confianza da facotria porriñesa Zeltia.
Con esta publicación e a descuberta dun busto na Facultade de Química da USC, o Foro E. Peinador celebrou acaídamente o Día da Galeguidade Empresarial, instituído para sinalar a importancia de personalidades relevantes da empresa en Galicia que, como Isidro Parga no sector da minería, foron capaces de crearen un discurso no que a identidade e a empresa van unidas, continuación daquela outra dedicada a Ramón Obella Vidal, outro investigador e empresario de éxito no seu tempo. O Foro xa ten unha andaina feita e un camiño trazado para levar un discurso novo e motivador ao empresariado galego.