Praza Publica – “Os defensores da lingua galega deben ser coherentes á hora de consumir”

Miguel Pardo

O Foro Enrique Peinador segue a loitar pola xeralización do uso do galego en todos os niveis empresariais. Logo de múltiples traballos a prol da galeguización das empresas do país, a asociación lanza agora unha campaña dirixida aos consumidores coa que intentará “conseguir a fidelización destes aos produtos etiquetados en galego”, así como incentivar os comercios a que “aposten polo noso” nos seus negocios.

Así o explica Xosé González, presidente do Foro, que aclara que a campaña -que terá como lema Galicia, cos cinco sentidos. Consumo gustos etiquetados en galego- ten sobre todo “un sentido práctico e pedagóxico” co que se intentará “acabar xa cun pecado grave do sindicalismo, o galeguismo e o nacionalismo do país”. “Se xuntamos a todos os afiliados a estes movementos e comprometidos coa lingua xuntamos preto de medio millón de persoas involucrados na defensa destes valores, pero que non sempre son coherentes coas súas ideas á hora de consumir”, engade González, que asegura que o que se pretende é “que a xente pregunte, pida e reclame os produtos etiquetados en galego nas súas compras”.

“A idea é que o consumidor prefira un viño etiquetado en galego, que aposte por un comercio con etiquetaxe e cartelería en galego… En definitiva, que apoie os sectores comprometidos coa lingua porque non sempre a práctica coincide cos ideais”, insiste. A cuestión: que as organizacións e as persoas comprometidas coa lingua se impliquen tamén en fomentala no mundo empresarial. “Na medida en que determinados sectores vexan que hai un criterio á hora de elixir os produtos, os demais van apostar tamén polo idioma propio”, resume o presidente do Foro Peinador, que xa se reuniu cos secretarios xerais dos sindicatos obreiros e labregos galegos para conseguir o seu apoio e pedir a súa colaboración, que se fará “a través da adscrición á campaña nas webs, de chamamentos e de difusión” e que seguirá o ronsel de campañas anteriores, aínda que intenta ser máis ambiciosa.

“A campaña diferéncianos doutros movementos a prol da lingua porque o que pretendemos é que a xente vaia á taberna e pida unha etiqueta en galego e que pida queixo e aposte tamén polos queixos galegos e que respectan a nosa lingua; o que facemos é pedagoxía”, aclara González, que reclama “un consumo responsable” co medio ambiente e cos procesos de produción, pero “tamén coa defensa da lingua que se fai noutros aspectos da vida”.

A campaña lanzarase arredor do 25 de xullo, Día da Patria, unha data simbólica e na que, como aclara González, “aqueles que van aos mitins da Quintana, do Toural ou aos actos de Rianxo deben ser congruentes co que están escoitando”. “Ese día de exaltación da galeguidade ten que ser o comezo dun consumo responsable”, pide o presidente do Foro Peinador, que destaca que xa se está a preparar un spot publicitario “que apele á fibra sensible dos galegos”.

Ademais, o Foro Enrique Peinador, en colaboración coa Deputación de Ourense, celebra este luns 25 o encontro Economía e Identidade. No centro cultural Marcos Valcárcel, este acto, que é itinerante, intenta facer pedagoxía co mundo empresarial galego para deixarlles claro algo tan lóxico como necesario. “A lingua galega non é óbice para que unha firma teña éxito”, explica Xosé González, presidente do Foro, que advirte da colaboración destes pequenos cumios coas institucións, xa que son elas “as que teñen obriga de fomentar o idioma propio en todos os ámbitos”.

“Instamos as adminisracións a que apadriñen determinados encontros de empresarios e sobre todo con aquelas empresas que traballan para a institución”, destaca González. O vindeiro luns, no acto estarán presentes responsables de diversas compañías que apostan claramente polo galego e que destacan tamén polo seu éxito empresarial. Grupo Cuevas, Academia Postal, R Telecomunicacións e algún adegueiro, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación.

Precisamente, González anuncia tamén que o vindeiro 7 de xulllo crearase dentro do Foro Peinador unha sección, a Irmandade Galega de Adegas, que xuntará máis de 35 adegas do país comprometidas coa lingua e cos produtos da terra e representantes de todas as denominacións de orixe para facer forza na comercialización do produto.