Galicia Confidencial – Antonio Fernández López, empresario de acción e pensamento galeguista

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Os distintos relatorio debatidos naquelas xornadas, dos que comentaremos algúns, partillaban unha arela común: aproveitar os moitos recursos que tiña Galicia para repartir con maior equidade a riqueza e elevar as rendas familiares. Fixéronlle proposta realizables, contemplando a Galicia como unha unidade á que habería que intercomunicar con estradas e camiños de ferro. No que fai á organización territorial, por exemplo, avogouse pola comarcalización e recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia co seu goberno municipal e competencias. O turismo baseado na explotación do abondoso patrimonio histórico-monumental de Galicia sería unha fonte de riqueza que contribuiría a fixar poboación nun rural de infravivendas ás que habería que facer máis confortables e con todas as medidas de hixiene necesarias, tales como separar as estancias familiares das cortes do gando. Para mellorar a riqueza vinícola considerabase imprescindible a creación dun organismo científico para mellorar as castes e a elaboración dos viños. Este desexo cumpríuse en 1985, é dicir, sesenta anos despois coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia na comarca do Ribeiro. A dignificación e fomento da lingua galega tamén tiveron a aprobación dos participantes do congreso.

A sublevación militar de 1936 tronzou as aspiracións daquelas élites ilustradas, especialistas en cadansúa disciplina. Pero como non hai mal que cen anos dure,os sobreviventes daquela desfeita volveron reconstituirse e retomar aquel discurso macroeconómico décadas despois.

En 1958 un grupo de empresarios e especialistas en distintas materias puxeron en pé a Revista de Economía de Galicia, que foi a expresión teórica dun pensamento económico autóctono ao que aínda non se lle ten feito xustiza na medida que debera. Para remediar algo o esquecemento, o Foro E. Peinador convocou unha xornada de reflexión no Campus Universitario de Lugo o próximo día 11 de decembro coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, USC, Grupo El Progreso, Deputación e Concello de Lugo, para conmemorar o 95º aniversario daquel congreso no contexto da celebración do Día da Galeguidade Empresarial dedicado ao empresario Antonio Fernández López, cun programa amplo e atractivo, incluíndo a colocación dun busto seu do escultor J.Molares.

De Antonio Fernández López non se ten escrito apenas nada. O seu papel no desenvolvemento económico de Galicia foi sobranceiro, como importantes as empresas capitaneadas por el: Zeltia, que transcendeu as nosas fronteiras, Cementos do Noroeste, Frigsa… foron iniciativas que incorporaron a investigación e novas tecnoloxías. No eido educativo apostou pola renovación pedagóxica coa creación da Granxa de Barreiros, en Sarria, e o Centro de Estudos Fingoi, nos que o fomento da nosa cultura e lingua formaban parte do curriculum escolar. Filántropo e mecenas, no reparou en medios para poñer en circulación polas estradas da montaña lucense unha unidade móbil dotada de raios X para diagnosticar enfermidades infeciosas. Súa foi tamén a creación do obradoiro de instrumentos musicais galegos con sede na Deputación coa participación do musicólogo Faustino Santalices. Tanto Zeltia como Cementos do Noroestes foron empresas precursoras no uso do galego na publicidade.

Para coñecer o pensamento económico de Antonio Fernández López hai que ler a Revista de Economía de Galicia formando parte do seu Consello de Dirección. Os editoriais desta publicación expresan con nidieza a filosofía da planificación económica para o artellamento dun pais competitivo corrixindo os desequilibrios territoriais e que as súas xentes vivisen en harmonia coa súa identidade, propoñendo en 1958 a idea dunha autoestrada Vigo-A Coruña. “Non cremos no determinismo unilateral do factor económico, cremos, sen embargo, na importancia deste factor e na súa estreita relación coa cultura” (REG 1958). Precursores da Responsalibidade Social Corporativa. “É pura ignorancia crer que hai cotos científicos vedados ás posibilidades do idioma galego”, afirmaban.

Por esta liña editorial a revista foi sancionada con 25.000 pesetas en 1968, por mor dun texto no que se dicía: “Falta saber se a nosa sociedade,que lles fixo sentir vergonza do seu idioma, que afogou as súas institucións peculiares e que lles está zugando os seus aforros vai consentir agora un cambio de actitude”, en clara alusión á farisaica actitude da Administración.

Antonio Fernández López e os seus compañeiros da revista afirmaban e denunciaban que “non sempre hai coincidencia entre os intereses naturais de Galicia como conxunto social e os intereses dun suposto capital financieiro totalmente desvinculados de Galicia que aspira pura e simplemente á explotación das súas riquezas económicas”. Por iso se opuxeron á construción do encoro de Castrelo de Miño, dedicando un monográfico a denunciar os atropelos e as consecuencias negativas que tería para a comarca do Ribeiro, sen que tal proxecto lle reportase beneficios a Galicia.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here