A homenaxe ao empresario dos transportes santiagués, Ramón Castromil, foi onte o escenario dun importante anuncio da sociedade pública Navantia da súa aposta pola lingua galega na súa actividade diaria. Precisamente, os actos celebrados no Pazo de Fonseca e na Estación Intermodal, coa descuberta dun busto de Castromil, serviron para conmemorar o Día da Galeguidade Empresarial, impulsado polo Foro Peinador para que as entidades do país se comprometan no uso, o fomento e o impulso do idioma galego.
Neste contexto, a representante de Navantia, Isabel Carro, sinalou que a empresa pública se compromete a estender o uso do galego a todos os acordos de colaboración coas diferentes entidades, a todas as comunicacións públicas que se fagan de cara ao exterior, á sinalética nas instalacións do estaleiro, ao recoñecemento dos equipos cando conseguen fitos relevantes e ás reunións de traballos. Carro asegurou que se encargará “persoalmente” de impulsar estas medidas. Ademais, enumerou outras iniciativas que xa realiza actualmente en galego a empresa. Do mesmo xeito, no evento estiveron presentes membros de Seguridade A1 e Embutidos Lalinenses como exemplos de empresas que apostan polo galego na súa actividade.
“Podemos principiar mañá”
Antes, o presidente do Foro Peinador, Xosé González, lembrou como foi o seu achegamento a Ramón Castromil hai 30 anos para propoñerlle a galeguización da súa compañía. Fronte a outros empresarios da época cos que tentaron promover a mesma iniciativa, González relatou que, cando agardaban unha resposta negativa, Castromil dixo: “A min nunca ninguén me fixo tal proposta. Por min podemos principiar mañá”. A partir dese momento comezaron a verse nas estradas galegas autobuses cos nomes de escritores e personaxes históricos, ademais de promover a publicación dunha colección de libros infantís en galego.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín apuntou que a cidade “ten que funcionar como capital e exhibir con orgullo a lingua. Iso entendeuno Castromil”. Así, engadiu que “é un modelo a seguir no tecido empresarial” e concluíu que “non hai argumentos para dicir que co galego non se vende ou que coa nosa lingua non se vai a ningures”.
Na mesma liña expresouse o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen asegurou que “hai anos viuse que a lingua galega era capaz de producir riqueza. É un valor das nosas empresas e da nosa economía”. Desta maneira, incidiu en que o impacto do galego na economía é de 1.400 millóns de euros.
Chamamento ás empresas
O reitor da USC, Antonio López, remarcou que “as universidades teñen que comprometerse en primeira liña pola lingua e pola cultura”, pero considerou que tamén “fai falta un impulso definitivo das persoas. Son necesarias persoas comprometidas coa lingua galega en todos os ámbitos para dar pasos adiante”. Acompañado por representantes das universidades da Coruña e Vigo, o reitor compostelán pronunciou un chamamento ás empresas a apostar polo galego elaborado polos tres centros públicos.
As universidades apelan ás empresas “radicadas no noso territorio a iniciar un proceso de incorporación progresiva da lingua galega nas súas actividades nas relacións laborais, na publicidade, etiquetaxe e demais manifestación da actividade empresarial”. Tal e como contempla o documento, “no ámbito socioeconómico a cultura da cooficialidade lingüística segue amosando grandes espazos de indiferenza, malia os avances acadados nos últimos anos, unha anomalía que debemos corrixir para fortalecernos como comunidade con sinais de identidade propios”.
Nos actos tamén estiveron presentes familiares de Ramón Castromil, así como diferentes representantes empresariais e institucionais.