RODRI GARCÍA
«Se vai para o Ceo, alí o castelán é máis entendible que o galego». Foi o que lle dixo un paisano a Xosé González para explicarlle por que a lápida do seu pai estaba en castelán. Contouno en Melide, na presentación do Día da Restauración da Memoria Lingüística, co que buscan que lápidas, notas necrolóxicas e demais textos arredor da morte se fagan en galego (só o un por mil das lápidas están en galego). Xosé dixo que o home falaba galego pero seica tiña medo de que no Ceo non o entenderan. Logo tampouco rezaría en galego, non fora que non escoitasen os seus rogos.
Para Xosé González (Vigo, 1950), «sen transversalidade non hai futuro para o galego (…). Non é só o 25 de xullo ou o Día das Letras, é todo o ano». Iso explicaba neste xornal meses atrás. Con 15 anos, Pepe de Redondela (como é coñecido) participou na tradución de textos da misa para o galego, xunto ao xesuíta vigués Xaime Seixas. Este relixioso foi dos primeiros en oficiar a misa en galego, algo que emocionou ata as bágoas a Florencio Delgado Gurriarán. O valdeorrés emigrado pregaba nun poema ao Nazareno, patrón do Barco, polos seus paisanos: «Deixa que pregarche os deixen / no nobre falar galego / para que non esmoreza / a luz da fe nos seus peitos!».
A forza que teñen os textos da misa en galego marcou a pedagoga viguesa Rosa Montenegro. Contouno en Vigo na presentación da tradución para o galego que fixo Araceli Filgueira de dous libros de homilías de Escrivá de Balaguer, É Cristo que pasa e Amigos de Deus. Sendo moza, a Rosa quedoulle gravada na alma aquela misa en galego, celebrada na Coruña probablemente por Manuel Espiña, na que se dicía: «Eu non son merecente de que entres no meu fogar, mais unha palabra túa abonda para me salvar. Fogar é moito máis que casa. Merecente é máis fondo que digno», dicía Rosa.
Moito antes, Rosalía (de Castro) xa rezaba en galego: «Meu Santo Antonio, / daime un homiño, / anque o tamaño teña / dun gran de millo…» Algo máis tamaño tiña Murguía, ao que tamén enterraron en castelán. Se ata «os cruceiros son oracións de pedra elevadas ao Ceo», dicía Castelao, por que quen vive en galego é enterrado en castelán?
Xa que hai xente con dúbidas de se o entenderán rezando en galego, haberá que falar co noso apóstolo Santiago, pois por algo di o seu himno que é Amigo do Señor, e que pregunte: «E logo, no ceo non falades galego?».