Diario de Pontevedra – A memoria da Asociación Cultural de Vigo

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Días atrás asistín a unha mesa redonda sobre a historia da Asociación Cultural de Vigo na que participaban Camilo Nogueira e Xosé L.Franco Grande, moderada por Ricardo Gurriarán, avezado investigador das máis agochadas páxinas da historia de Galicia.

Coincidían todos os tres, e algúns dos asistentes que participaron no debate, en sinalar á Asociación Cultural de Vigo como a máis dinámica das poucas que no seu xénero había en Galicia; O Galo (Santiago), Auriense (Ourense), O Facho (A Coruña) e Amigos da Cultura (Pontevedra). Eu tiven a sorte de estar practicamente desde o seu nacemento desevolvendo iniciativas nos momentos de maior actividade combativa, que coincidiron coa miña militancia nacionalista.

Mentres escoitaba as intervencións do público lembraba agora que o día 3 decembro de 1970 comezaba en Burgos o consello de guerra contra militantes de ETA. O capitán Antonio Troncoso, natural de A Cañiza, que exerceu de fiscal non xurídico, personaxe de ideoloxía ultra e extravagante, pedira seis penas de morte, que logo serían conmutadas. Por aqueles días, nun golpe de audacia, como resposta ao consello de guerra, ETA secuestraba a Eugen Beihl, cónsul honorario de Alemania en Donostia, que foi levado polo comando a Iparralde, burlando ás forzas de seguridade encargadas do control da fronteira.

A Asociación Cultural de Vigo convocou para o día 20 daquel mes de nadal un gran acto de solidariedade cos nacionalistas vascos argallando o Festival da Nova Cantiga Ibérica, implicando a outras entidades culturais e mesmo a militantes de partidos e sindicatos na clandestinidade. Houbo que pedir permiso gobernativo como era preceptivo acompañando as letras do repertorio que se ía interpretar. A Coral da Universidade de Coimbra, cantautores de Voces Ceibes, Paco Ibañez e mesmo Luís Cilia (“sempre,sempre a mesma melodía/Salazar e a súa democracia), que viñera a pé feito en avioneta desde o seu exilio parisino mercede ás xestións realizadas polo presidente do Centro Portugués, Eduardo de Sousa Calvet de Magalhaes,o “doutor Calvet”. Ambos os dous membros do clandestino partido comunista portugués. O acto fora presentado por María Xosé Queizán no pavillón do Carme. O aforo ateigouse de xente chegada de distintas cidades galegas, que tiveran coñecemento do “festival” pola publicidade que se fixeran nelas semanas antes.

A policía montou un operativo reforzado con efectivos chegados doutras provincias dirixido polo xefe da brigada da político-social, Waldo López Mazaira, “a pita de Pesqueiras”. A Policía Armada amosou a súa presenza con maneiras provocadoras e agresivas. Malia tal presión policial a xente coreou consignas antifranquistas e a condena do consello de guerra. Houbo momentos que aquel ambiente parecía que ía rebentar, pero puídose rematar o ”festival” sen máis consecuencias que a solicitude de identificancións a algunhas pesoas de recoñecida militancia política.

A Asociación Cultural de Vigo sempre sobranceou por ser unha plataforma na que o seu dinamismo deu pé á cristalización de moitas iniciativas de grande proxección na sociedade viguesa. De alí xordeu a primeira cooperativa de consumo (COGALCO) que tanta repercursión e aceptación tivo nas clases populares co respaldo de milleiros de asociados que fixeron posible unha maneira de loitar contra o abuso dos prezos dos tradicionais intermediarios da comercialización de produtos de consumo. Aquela alternativa foi afogada polos monopolios da alimentación e a presión policial.

O teléfono da Asociación estaba permanentemente intervido; utilizabamolo unicamente para comunicacións intranscendentes. Era tan notoria a intervención policial das comunicacións que mesmo chegabamos a ouvir a través do auriculares as voces dos que nos estaban axexando. A Asociación Cultural de Vigo era a gran preocupación da policía. A noite anterior ao 1º de maio de 1971 a Brigada Político-Social montou un operativo rebentando a porta da sede social e as dos outros centros relacionados connosco : Centro Portugués de Vigo, Alianza Francesa, Fundación Penzol, Grupo Cultural O Castro, Plastibar,S.L. e Gráficas Númen, negocios de Antón Bar Boo e Luís Noia, respectivamente, directivos da Asociación. Non atoparon o que buscaban. Foron tan “honrados” que non levaron diñeiro e obxectos de valor. Pero deixaron a súa indeleble pegada.

Sabían que a Asociación Cultural de Vigo era un centro de formación e orientación galeguista para moita xente naqueles anos escuros. Por iso era a única plataforma cultural á que acudía unha representación de brigada político-social sempre que se celebraba algún acto público. Moita cultura galega deberon aprender ali aqueles analfabetos!.

Na mesa redonda que comentamos díxose, e con moito fundamento, que o descoñecemento que hai sobre a importancia que tivo aquela plataforma cultural habería que remedialo. Abofe que si. Queda todo por contar.

Previous articleEl progreso – A memoria da Asociación Cultural de Vigo
Next articleLa Región – Os Bacelos reivindican o galego como motor do país