Amigo ou amiga lectora, se vostede non coñece aínda o Couto Mixto, a súa historia, territorio e paisaxe, visíteo agora aproveitando que a Asociación de Amigos do Couto Mixto celebra este sábado, día 9, na Igrexa de Santiago o acto de nomeamento dos Xuíces Honorarios. Estoulle a falar dun territorio singular situado nun espazo natural, arraiano, na Baixa Limia, compartido polos concellos de Baltar e Calvos de Randín.O parque natural do Xurés e a Serra do Larouco dan acubillo ao Val do Salas, onde os seus homes e mulleres gozaban dun estatuto xurídico-político semellante ao que tiña Andorra, cunha vía de comunicación –”camiño privilexiado”– que os unía coa freguesía de Tourem ou Turei, denominación que lles dan os veciños segundo sexan portugueses ou galegos.
Eu recoméndolle que antes de facer a viaxe se informen sobre a historia daqueles pobos lendo o libro de Luís M.García Mañá, “Couto Mixto.Unha república esquecida”; ou visitando a páxina web da Asociación de Amigos do Couto Mixto (www.galeguizargalicia.com). Non desaproveite a ocasión. Outros autores poden levalo tamén da man. Apúntollos algúns: António Fontes, Xosé Benito Reza Rodríguez, Xosé L. Méndez Ferrín, Xosé Rodríguez Cruz ou Riveiro Coello.
Todos eles recrean nas súas obras literarias un escenario ateigado de referencias históricas, lendas e descricións xeográficas que falan dunhas terras e xentes arraianas que hoxe teñen ben merecido seren o epicentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugual. Mágoa que non se programen políticas transfronteirizas que articulen unha rexión natural, creando, por exem-plo, unha mancomunidade de concellos que dea continuidade á que xa existe nas orelas do río Miño desde Crecente ata A Guarda.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto vén traballando na elaboración dun discurso que faga posible ese obxectivo europeísta. Froitos deste modesto traballo son as iniciativas parlamentarias debatidas e aprobadas polo Parlamento de Galicia, Congreso de Deputados e instancias oficiais da Unión Europea. Pero amais deses logros procura a Asociación estimular unha masa crítica con publicacións e cursos académicos en colaboración coas universidades de Vigo e a portuguesa de Tras-Os-Montes.
Desde a súa creación a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén distinguindo a institucións e persoas que cos seus traballos de investigación poñen en valor o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico daqueles eidos arraianos. Grazas ás súas publicacións hoxe coñécese moito máis o inventario patrimonial do Couto Mixto e territorios aledaños.
Este ano recibirán o nomeamento de “Xuíces Honorarios do Couto Mixto” tres personalidades senlleiras: a profesora da Universidade de Lisboa, Paula Godinho, que salvou do esquecemento a memoria dos pobos promíscuos (Cambedo, Soutelinho da Raia e Lamadarcos), as súas tradicións e costumes; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor da Universidade Compostelana, arqueólogo e paleógrafo, que estudou as pegadas deixadas pola cultura romana neses vasto territorio; e Xosé Badás, director de “Lethes. Cadernos Culturais do Limia”, unha publicación periódica na que se poden atopar traballos de divulgación e investigación da raia seca.
Amigo ou amiga lectora velaqui lle queda a invitación para asistir ao acto de entrega dos devanditos nomeamentos honoríficos, e para coñeceren aquelas terras arraianas.