A pasada semana celebrouse en Lugo un acto de especial transcendencia para normalizarmos a lingua galega nos usos xurídicos e xudiciais promovido pola Irmandade Xurídica Galega. Aproveitouse a homenaxe aos membros da xudicatura e operadores xurídicos que naquelas terras xa a utilizan nos procedementos procesuais.
Máis do 90% das administracións locais lucenses confíanlle á Asesoría Xurídica da Deputación a defensa dos seus litixios. Estamos a falar, xa que logo, de milleiros de procedementos penais, civís, laborais, mercantís… que se van substanciar en lingua galega.
O artigo 4 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) establece que “o galego como lingua propia de Galicia é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, das súas Administracións e das Entidades Públicas dependentes dela”. Este precepto legal está en íntima relación co establecido por outro artigo que recoñece que as actuacións xudiciais serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua empregada.
Clarexando o alcance desta normativa a xurisprudencia ditada polo Tribunal Constitucional en 1986 insta ás institucións públicas a removeren os atrancos que houber para faceren real e efectiva a cooficialidade lingüística mediante a aplicación da discriminación positiva, poñendo máis medios ao dispor da lingua galega, que é a máis desfavorecida por razóns históricas.
Tendo como fundamentos legais e xurisprudenciais os expostos, a Irmandade Xurídica Galega convocou un acto para promover a galeguización das actividades xurídicas e xudiciais. Á cita acudiron os presidentes da Deputación e Audiencia Provincial, alcaldesa do Concello de Lugo e Secretaría Xeral de Política Lingüística. A presenza dos asesores xurídicos das centrais sindicais reforzou os obxectivos do encontro.
As institucións públicas e entidades mencionadas, que xeran un tráfico xurídico considerable, farán posible un avance considerable da normalización lingúística, porque nos escritos das demandas e recursos incluirán unha cláusula solicitándolles aos órganos xudiciais que diten as correlativas resolucións e sentenzas en lingua galega ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 7.2 da LN, que con total nidieza di: “A parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”.
Na historia de Lugo hai dous fitos importantísimos que contribuíron á reconstrución da nosa identidade nacional: a Asemblea das Irmandades da Fala de 1918 e o 1º Congreso de Economía de Galicia de 1925. A eles súmaselles agora o acto celebrado o pasado día 29 de xullo que dá continuidade ao espírito galeguizador que sempre tivo a cidade.
O exemplo de Lugo ben puidera ser imitado polas demais institucións provinciais do país.
Somos conscientes das moitas dificultades existentes para normalizar o uso do galego, porque habelas hainas; pero para superármolas o mellor antídoto contra o pesimismo motivado por eses atrancos é o optimismo da vontade, bogando todos xuntos na mesma dirección.