Descuberta unha placa na Audiencia de Ourense en lembranza da primeira sentenza en galego
En marzo de 1988 ditouse a primeira sentenza en galego en Ourense. Era o maxistrado Xoán Manuel Alfaya Ocampo e o avogado que levaba o caso Miguel A. González Trigás. Dende onte unha placa lembra este feito histórico no edificio da Audiencia de Ourense e na mesma desenvolveuse un acto conmemorativo organizado pola Irmandade Xurídica Galega, a propia Audiencia e a Xunta de Galicia.
Na descuberta da placa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, referiuse á necesidade da promoción da lingua galega no ámbito xudicial e que a mesma «é un traballo de todas e de todos». No acto lembrou Xosé Manuel Pacho, da Irmandade Xurídica Galega, que se fai necesario normalizar a presenza da nosa lingua na actividade cotiá para que na Xustiza sexa normal o que xa é unha realidade na sociedade. Miguel A. González Trigás recoñeceu que dende aquel xa lonxano marzo de 1988 cambiou a cousa, «pero a melloría é relativa», e referiuse á necesidade de que chegue o momento «de que citas como esta deixen de ser necesarias». Pola súa banda Xoán Manuel Alfaya Ocampo agradeceu o acto de lembranza, aínda que sinalou que a sentenza tiña pouco valor xurídico e que o galego empregado era, como o daquela época, mellorable.