La Voz de Galicia – Máis dunha trintena de concellos da provincia firman a Declaración de Pontevedra

Un total de 35 concellos de todas as comarcas da provincia e de todo o espectro político rubricaron este sábado no Pazo Provincial a Declaración de Pontevedra, «manifesto no que se comprometeron a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a Xustiza». Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra, xunto coa Irmandade Xurídica Galega e a Xunta que, en palabras de Carmela Silva e a deputada provincial de Lingua María Ortega, supón «un feito histórico» na normalización do idioma, toda vez que «a lingua galega fica aínda relegada no uso xudicial por cuestións históricas».

Deste modo, a declaración establece como obxectivo «normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que as e os representantes municipais -mediante asesorías propias ou externalizadas- soliciten á Xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza».
O texto, ademais, recolle que as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da Declaración de Pontevedra sexan en lingua galega.

No acto, no que tamén se conmemorou o 50 aniversario do primeiro Congreso do Dereito Galego, Silva defendeu o emprego da lingua galega como «o armazón do país e sen ela dificilmente se pode construír un pobo e o seu pensamento», de tal xeito que, «se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender». Pola súa banda, María Ortega instou a rachar coa situación actual e «mover os marcos da lingua, remediar as inercias do pasado e xuntar sinerxías entre todas as administracións para acadar unha maior unidade de acción na defensa do galego».
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, asumiu que aínda queda moito por facer na Xustiza, pero amosouse convencido de que «alguén debe ter a iniciativa —de fomentar o uso na Xustiza— e poñer o tema sobre a mesa. Se é inducido por alguén con responsabilidades administrativas, mellor. Dende a Xunta sempre van ter a nosa colaboración. Poñer recomendacións do uso do galego nos pregos dos concellos para contratar asesorías non custa, non é máis caro nin vai levantar sarpullido».

Previous articleDiario do Salnes – Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, Meis e A Illa asinan a ‘Declaración de Pontevedra’
Next articleLa Voz de Galicia – Móvete insta ao Concello a asinar o seu compromiso para galeguizar a xustiza