No Concello da Estrada, ás 12 horas no Teatro Principal, vai celebrarse hoxe un acto no cal vai presentarse a ISAGA (IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA).
” Esta nova entidade, que terá ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, vai estar integrada por persoal da sanidade pública e privada (médicos, boticarios, veterinarios, enfermería…) e profesionais da docencia nas ciencias médicas, ten dous obxectivos: o impulso do humanismo e a normalización da lingua galega neste ámbito, e buscará a súa extensión territorial realizando actos por Galicia enteira, fomentando tamén a figura de médicos senlleiros e humanistas que entenderon a medicina como unha ciencia sempre asociada á idiosincrasia do noso pobo.
A extensión do uso da lingua galega nas relacións cos usuarios, porque entendemos que é necesario para a pervivencia do noso idioma, alén dos circuítos culturais; cunha orientación humanista, porque reivindicaremos a tradición da Escola Médica Galega que ten en Varela de Montes, Nóvoa Santos, Rodríguez Cadarso, Rof Carballo…e os epígonos García Sabell, López Nogueira, Reimóndez Portela (ex-alcalde da Estrada, médico humanista, precursor da autonomía galega) que sempre entenderon que o exercicio profesional tiña que ser respectuoso coa cultura dos usuarios, atribuíndose á utilización destes medios beneficios para unha boa diagnose clínica.
As 12:00 horas, no Teatro Principal principiará o acto coa imposición de becas aos 35 primeiros membros -todos eles destacados profesionais-, e a lección inaugural a cargo do psiquiatra e doctor Emilio González Fernández, médico especialista en antropoloxía médica.
A segunda parte do acto dedicarase a homenaxear ao médico don Manuel Reimondez Portela, que exerceu por toda a comarca de A Estrada durante toda a vida, personalidade de traxectoria brillante, escritor, político, un dos pais do Estatuto dos 16, e que foi forxado intelectualmente na tronzada tradición humanística da Escola Médica Galega, do que fará unha reseña biográfica o estudoso da súa obra Valentín García”