La Xunta de Galicia – Anxo Lorenzo gaba a creación da Irmandade da Sanidade Galega, “unha iniciativa xurdida da sociedade civil para impulsar a normalización do galego”

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na Estrada no acto de constitución da entidade, promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística
A Estrada, 29 de outubro de 2011.- O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na Estrada no acto de constitución da Irmandade da Sanidade Galega, unha inicitiva promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística que busca promover a extensión do galego no ámbito sanitario.
“Desde a Xunta de Galicia –afirmou o secretario xeral– queremos saudar e celebrar a creación desta entidade que hoxe ve a luz porque é unha iniciativa xurdida da sociedade civil que ten como obxectivo o impulso do humanismo e a normalización da lingua galega”.
Anxo Lorenzo afirmou que un dos principais trazos que definen a situación da lingua galega no ámbito sanitario está relacionado co feito de que se considera “un ámbito de prestixio, formal e culto”. Nesta vinculación de prestixio e consideración social é onde radica, segundo explicou, “a dificultade e tamén a potencialidade que a sandidade ten para avanzar no proceso de normalización da lingua galega”.Forza motriz para aumentar o prestixio social do galego
Ao fío desta afirmación, o secretario xeral asegurou que “a consideración social do galego aumentará se entre todos somos capaces de integrar o idioma nas actividades que a sociedade considera prestixiosas”. “Se unha parte substancial da sanidade –precisou– goza dese prestixio, estamos ante un sector que podería ser forza motriz dun aumento, paseniño e significativo, da consideración social do idioma para toda a cidadanía”.

Finalmente, Anxo Lorenzo recordou que “a normalización da lingua galega neste campo tan fundamental nas sociedades modernas supón un reto para todos, para as institucións e as administracións, para os profesionais e para os usuarios e as usuarias, que require dunha sensibilidade especial á hora de abordala e dun esforzo continuado no tempo”.

Apoio aos colectivos profesionais
A Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrécelles apoio permanente a diversos colectivos profesionais de diferentes ámbitos da sociedade para o fomento social do galego. Entre eles atópase a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, co que a secretaría xeral establece desde hai anos un marco de colaboración co fin de darlle maior difusión aos programas e campañas que desenvolve este colectivo en diferentes ámbitos da sociedade para a dinamización da lingua galega.

Previous articleDIARIO DE UN MÉDICO DE GUARDIA – Irmandade da Sanidade Galega
Next articleGaliciaé – Nace a Irmandade da Sanidade Galega para impulsar a normalización do galego