El Progreso – Bernardino Pardo: “Non pode ser que os médicos nos teñamos que dedicar a mil ‘pamplinas’ administrativas”

MARÍA PIÑEIRO

Ao bordo dos 70 anos, acaba de xubilarse e de deixar medio orfos os oitocentos pacientes que tiña no consultorio de Nadela. Desesperanzado coa sanidade pública e optimista por natureza, o doutor Pardo centrarase agora na horta, a directiva de Aspnais e o contrabaixo

Por que non continuou ata os 72, como se permite agora aos médicos de Familia?
Se existise o máis mínimo proxecto de futuro, dábame igual público- privado, privado-público ou paracaidista internacional, tería continuado. Pero para seguir dando certificados de que o neno ten mocos e non pode ir ao colexio, non. O problema é que ninguén está abordando o problema de fondo.

Véxoo un pouco desesperanzado.
Absolutamente. Deixo os meus compañeiros desesperados. Estase facendo algo coherente para cambiar a situación actual? Non.

Se fose conselleiro de Sanidade mañá, que faría?
O primeiro, ordenar a Atención Primaria. Isto quere dicir que os médicos se dediquen a ser médicos. Non pode ser que nos esteamos dedicando a mil pamplinas distintas. Falo de traballos que non son nosos, son de administrativos. Hai un número elevado de médicos se o comparas con outros países pero estamos facendo unha función que non é a nosa.

Entón hai suficientes médicos?
Si, pero hai que facer un relevo xeracional que non se está dando. Os médicos de Familia teñen unha función fundamental: facer de titores dos que veñen detrás. Esa cadea está rota porque os médicos en exercicio están asfixiados, sen ganas de titorizar a ninguén porque non poden, non teñen tempo. Levamos advertindo isto, tanto as sociedades de médicos de Familia como os médicos a nivel particular, moitos anos e nin caso.

Que tarefas fan os médicos que non lles corresponden?
Teño mil exemplos, como os certificados de que os nenos non van ao colexio porque teñen mocos. Que diferenza hai entre a palabra dos pais e a miña?

Dedicáballe moito tempo a iso?
Moito e non só eu. Tamén perden o tempo os pais que teñen que vir a min, os administrativos que teñen que dar unha cita… Sabe que o Concello para cambiar os aseos das casas de protección oficial pide un certificado médico de que o señor non pode entrar nesa bañeira? Certificados para os que entran en Educación dicindo que son aptos para dar clases; de que os bombeiros son aptos para actuar cortando o lume… Veñen pedir iso e se non o damos quedan en desprotección. É normal que Naturgy pida aos médicos de cabeceira un certificado de que un señor está encamado e necesita unha grúa? Non será mellor que o faga un administrativo, que é tres veces máis barato ca min? Outra cousa que faría sería apoiar os médicos e residentes que demandan melloras asistenciais para Primaria, que foron á folga para reclamalas non polas demandas económicas da CESM. Tamén intentaría que todos entrásemos en razón e víramos que non se pode soster esta demanda absurda, ilimitada. Non imos chegar todos aos 100 anos andando en bicicleta. Aos 50 anos non se poden facer marchas extremas pola montaña e ir dicir o día seguinte á consulta que che doe o xeonllo. Pois claro que che doe! Tomamos a sanidade como un ben de consumo e non o é. É un ben de soporte.

Pero que ten que ver a necesidade de conter una demanda asistencial disparada e a xente da mediana idade que se lanza ao triatlón ou á bici de montaña?
Son dúas ideas imbricadas. Se te están dicindo constantemente que isto é gratis total, que vaias a que resolvan os teus problemas porque todos teñen solución e que tes que chegar aos 100 anos andando en bicicleta porque é o normal a demanda convértese nun monstro de tal calibre que non se sostén. Hai que dicirlle á xente que aos 45 anos a obsolescencia programada leva a limitacións funcionais propias da idade: hai que poñer lentes, atender os dentes e facer exercicio moderado e non se pode comer como un burro, beber como un burro e por riba pretender estar de marabilla.

Onde se pon o límite?
No sentido común, hai que poñer normas de xogo coherentes e realistas. Parécelle normal que un servizo de Urxencias pase a chamarse Punto de Atención Continuada? Está dicindo que os pacientes poden ir cando lles dea a gana e os meus compañeiros están sobresaturados por ese motivo. “Vou ás cinco da mañá porque me sentaron mal as copas”, ou “levo cinco días que me doen as costas e non fun ao médico de cabeceira”. Un Toblerone no supermercado custa 1 euro e no vintecatro horas custa 4 euros e isto é o que ten que entender a xente. E tamén que non é gratis total senón que o pagamos todos con impostos.

Pero é que hai pacientes que piden cita para o médico de cabeceira e danlle para dúas semanas despois. Levan 5 días coa dor de costas e terían que esperar outros 15?
Non, nese caso ten sentido ir a Urxencias. Pero se o médico de cabeceira tivese ocos para atender demandas de saúde recondúcese a situación automaticamente. Outra cousa da que temos que convencernos todos é de que nunca estivemos tan sanos. Eu teño unha memoria de hai 60 anos e o cambio é transcendental, nunca se viu tanta xente sa tan maior. Non só é cuestión da sanidade, tamén de vivir quentiño, comer ben e coidarse un pouco.

De que enfermabamos antes e de que enfermamos agora?
Creo que se incrementou a esperanza de vida polo control das enfermidades máis habituais, que son sempre as mesmas: diabete, hipertensión, problemas respiratorios e cardíacos. E sobre todo polo cambio social, a mellora das condicións de vida. O que pasa é que agora hai moita xente que non sabe xestionar a súa vida. Ocorre que ás veces tes lumbago porque fixeches un esforzo ou estás moi canso porque traballaches de máis. Iso non é enfermidade. Cando chega a primavera chega a astenia e iso non é motivo para ir ao médico.

Os doentes seremos sobredemandantes pero se se lle di á poboación que consulte co seu médico se un lunar cambia de tamaño, terá que ir á consulta se sucede.
Algún di: “Veño porque tiña onte este lunar inflamado pero agora xa está normal”. Esas son as consultas de agora. Nós que facemos? Quitar medos. Hai que ser un pouco máis observador e racional. Enfriar o sentimento ese de “estou malísimo e necesito urxentemente que me vexan”. Tamén temos o caso contrario de xente que resiste e resiste e tampouco hai que facelo. A xente chega e conta que leva tusindo dous meses e pensa que ten cancro de pulmón. Outro mal endémico actual é internet. Ti buscas unlla negra e que aparece na primeira busca? Melanoma. Cal é a primeira causa real dunha unlla negra? Un traumatismo: un golpe, que saiches a camiñar cun zapato moi apretado ou coa unlla longa… Pero a xente empeza a mirar e cando chega a cancro pincha. Non pincha nos traumatismos. Cando un millón de persoas pincharon en cancro este pasa ao primeiro lugar nas buscas da unlla negra.

Pensa que enfermamos do mesmo, pero agora verá máis ansiedade e depresión.
Si, pero tanta como se diagnostica? Somos o país que toma máis benzodiazepinas de Europa, pero non eramos no que mellor se vivía? Os que mellor comiamos?… Temos que reflexionar.

Cre que se sobrediagnostica?
Non, senón que non somos capaces de enfrontarnos á vida, somos uns cagalilas. Tamén é certo que agora se nos esixe demasiado, ser perfectos en todo. Eu tiña un tataravó que foi médico de Familia, Serafín Teijeiro. Era un home de levita, barba ata o peito, chapeu e cabalo. Ese si que tiña que estar estresado. Di un amigo meu que os médicos de cabeceira somos xestores da incerteza. Imaxínase a principios do século pasado, a cabalo por esas aldeas, con catro ferramentas… Iso si que era incerteza e chegou a vello.

É medico polo seu pai?
No fondo si. Gustábame moito pero outras cousas aínda máis.

Como que?
Eu quería ser actor de teatro pero non fun capaz de enfrontarme a meu pai nese sentido. Non quixen decepcionalo. Pensou que estaría neste sanatorio traballando [a sede do xornal, onde se fixo a entrevista, foi un hospital materno infantil fundado por Bernardino Pardo Ouro e outros tres xinecólogos] pero ningún dos fillos deles seguimos coa medicina privada, todos optamos pola pública.

E da súa nai, que influencia tivo?
Deles dous aprendín dúas cousas. A primeira, o servizo á comunidade. Meu pai, exercendo na privada, ten feito un gran labor social. Calquera persoa, polo feito de ser ulloana, tiña as portas abertas na casa e na consulta. Dalgún xeito tes unha débeda coa comunidade e debes ser quen de devolvela. A segunda cousa é a amizade. Cando morreu meu pai a xente achegábase e dicía “eu era amigo do seu pai” e despois contábanme a historia e era unha historia de relación médico-paciente pero eles identificábanse como amigos. Aprendín que ese nivel de relación ten que ver con que che guste a xente. Aos dous lles gustaba. Miña nai pensaba que todos eramos bos, poderiamos facer falcatruadas pero esencialmente todos eramos bos. Eu penso o mesmo.

Como está a súa nai?
Absolutamente demenciada pero feliz. Vexo que o carácter que tes na vida segue estando ata o final e que as fórmulas de educación non se perden. É curioso, como se estivesen por debaixo do cognitivo.

Por que se meteu en política con Lugonovo? Arrepíntese?
Non me arrepinto, non. Entramos porque pensabamos que podiamos aportar algo. Contribuímos a un saneamento político de Lugo, que era imprescindible.

Previous articleGalicia Confidencial – A antropóloga Paula Godinho ingresa na Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto
Next articleGalicia Confidencial – Vieiro da Franqueira, tradición e galeguismo