III ASEMBLEA XERAL DE ISAGA

DOCUMENTO DE ISAGA ENTREGADO AO DIRECTOR XERAL DE ASISTENCIA SANITARIA, DON FÉLIX RUBIAL BERNÁRDEZ, NA III ASEMBLEA XERAL DE ISAGA
A CORUÑA, 30 DE NOVEMBRO DE 2013
Don Félix Rubial Bernárdez.
Director Xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.Estimado señor:
No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Nos nosos hospitais a presenza da nosa fala é residual. Cómpre recuperar o galego na relación asistencial e para iso é preciso contar coa convicción e o compromiso dos sanitarios e a implicación activa da Administración.

En Galicia dáse o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente galegofalante inicia o contacto co médico en castelán, pois supón que ese é o seu idioma e pretende instalarse no seu territorio lingüístico para facilitar a súa axuda profesional. É preciso, tal como reflicte o Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega (PXNLG), que os profesionais fagamos unha oferta positiva. Debe ser o profesional sanitario, de calquera nivel asistencial, “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”.

Tamén se recorda no PXNLG que a utilización da lingua galega na área médica contribúe a desbloquear o galego e a impulsar o seu uso mesmo noutras áreas porque:

-A elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios favorece que as medidas de normalización do galego que neles se poñan en práctica resulten exemplares e teñan un impacto positivo na poboación.

-O gran número de contactos que os cidadáns teñen co sistema sanitario multiplica o rendemento das actividades de promoción do idioma que se efectúen no dito sector.

A sanidade é clave para o mantemento e a recuperación do idioma galego e os profesionais debemos implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario. A implicación dos profesionais é clave, mais tamén a Administración sanitaria debe apoiar o uso do galego nos servizos de saúde.
Coñecemos o compromiso que vostede ten co idioma galego, que adoita usar a cotío e na súa actividade profesional. Por esa razón solicitamos a súa colaboración para impulsar a regaleguización da nosa sanidade, xa que, no momento actual a presenza da nosa lingua no sector sanitario é moi escasa.
Polo presente documento, en nome da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), facémoslle chegar as seguinte solicitude e pedímoslle que poña os medios precisos para:

  1. Garantir que se cumpla a Instrución 11/2005, de novembro de 2005, asinada polos Secretarios Xerais da Consellería e do Sergas sobre “emprego do galego nos documentos da Consellería de Sanidade e do Sergas” que establece indicacións precisas sobre o uso do galego nos servizos de saúde.
  2. Garantir que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, incluíndo a cartelería e os paneis informativos.
  3. Garantir que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego.
  4. Garantir que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en idioma galego.
  5. Garantir que o galego sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas utilizados nos centros sanitarios e administrativos do Sergas.
  6. Garantir que os directivos do Sergas utilicen a cotío o galego no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas.
  7. Procurar que as empresas suministradoras de material sanitario e non sanitario do Sergas etiqueten os seus produtos en galego.
  8. Crear un premio anual en cada un dos hospitais de Galicia para distinguir aos profesionais que destaquen polo uso do galego, incluíndos aos centro de atención primaria da súa área ade influencia.
  9. Impulsar a utilización do galego nos centros de formación de profesionais sanitarios (Medicina, Enfermaría, Fisioterapia, Farmacia, Veterinaria etc).
Facemos entrega pública deste documento, na sede da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e no transcurso da III Asemblea anual de ISAGA. Agardamos o seu apoio ás propostas aquí plantexadas.
A trinta de novembro de 2013.
En nome da Irmandade da Sanidade Galega
Pablo Vaamonde García
Coordinador Xeral de ISAGA.
Previous articleFaro de Vigo/Galicia Confidencial/Mundiario – Irmandade de Sanidade Galega
Next articleMundiario – O Parlamento de Galicia apoia a etiquetaxe no idioma propio da súa comunidade