Cando o reitor da USC, Alejandro Rodríguez Cadarso decidíu modernizar a universidade pensou en poñer en pé o proxecto da Residencia de Estudantes. Como non había moito diñeiro público para realizalo ocorreuselle a idea de dirixirse aos concellos e pedáneos para recabar os seus apoios. “Un foguete sen botar e cinco minutos de gaiteiro”, tal foi o lema da súa iniciativa. Cos aforros producidos por tal medida pensaba arrecadar financiación económica para facer realidade aquela custosa obra pública. Aquela idea orixinal, obviamente, non tivo a resposta desexada.
En 1984, cando outro reitor da USC, o profesor Carlos Pajares, tomou posesión do cargo, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) solicitoulle audiencia para propoñerlle unha iniciativa, certamente innovadora. No limiar da exposición programática explicamoslle ao señor Reitor que naquela altura Galicia vivía un baleiro institucional que había enchelo con imaxinación e audacia. A Constitución española (1978) e o Estatuto de Autonomia (1981) prevía un amplo desenvolvemento normativo para concederlles aos concellos ámbitos competenciais que tiñan que ver co novo modelo de xestión municipal. Ao tempo, a Universidade, con escasos recursos económicos e un proxecto de modernización presentado polo novo Reitor facían posible unha alianza municipalistas e universitaria.
A nosa proposta consistía en abrir un debate sobre posibles colaboracións entre a USC e os concellos galegos coa celebración dunhas xornadas dirixidas aos rexedores municipais. A iniciativa entusiasmoulle ao profesor Carlos Pajares. Tanto, que non tardamos moito tempo en organizar as devanditas xornadas. Constituímos unha comisión da que formamos parte, presidida polo vicerreitor Xoaquín Corbacho, que, ademais, fora alcalde do concello de O Grove. Cúmprense agora corenta anos daqueles encontros.
Un equipo intrerdisciplinar de relatores escollidos polas súas experiencias noutras latitudes xeográficas do Estado impartiron cadanseu relatorio naquelas xornadas convocadas co rubro “Encontros da USC coas Corporacións Locais”. Lembramos as importantes achegas dos técnicos da modélica Área Metropolitana de Barcelona. O contexto político era propicio para desenvolver accións innovadoras. Porque as corporacións locais carecían de políticas capaces de trasnformar institucións enferruxadas pola tutela de corenta anos de ditadura, e a universidade galega, necesitada de aires novos para a formación dos novos titulados. Naquel contexto histórico o Estado apenas transferira algunhas competencias á Xunta de Galicia para cumprir coas súas funcións estatutarias.
Pensabamos que os concellos poderían artellar convenios de colaboración coas correspondentes dotacións orzamentarias cos departamentos da USC para orientar fundamentadas políticas sectoriais en materia de medioambiente, ordenación territorial, tratamento dos residuos sólidos, e reconversión do funcionariado herdado do franquismo con programas formativos. Contemplouse tamén a galeguizaciòn das entidades locais. Deste xeito abriamosllelas portas aos distintos departamentos da USC para que aplicasen os seus coñecementos cientificos na nova realidade constitucional. Propoñiamos unha Universidade menos teórica e máis implicación na transformación do país.
Ao abeiro daquelas xornadas, a AFNLG fixera de ponte entre os concellos e o Instituto da Lingua Galega, dependente da USC, para formalizar un convenio de colaboración. Sumáranse trinta e cinco concellos galegos que coas súas achegas económicas puxeron en pé a Sección de Linguaxe Xurídica e Administrativa. Cada Corporación participante facíao a razón de cinco pesetas polo número de habitantes. Os grandes concellos colaboraron, de aí a importancia do feito reseñado. Naquela altura, tamén a sensibilidade do reitor fixo posible que a proposta de crear un Servizo de Normalización Lingüística se realizase con inmediatez inusitada.
Os reitores Rodríguez Cadarso e Pajares Valiñas quedaron unidos na historia polo entusiasmo das súas iniciativas. Actualmente o reitor don Antonio López Díaz, entusiasta da galeguización e modernización da USC, continúa a estela dos seus predecesores. No municipalismo non atopamos hoxe esa vitalidade transformadora.