XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    Para ter todos os dereitos de veciñanza o dereito civil galego establece o criterio de “ter casa aberta con fume”. Ese é o desexo da Irmandade Xurídica Galega para o noso idioma avogando por unhas institucións xudiciais galeguizadas.

    Esta arela motivou que neste ano a Irmandade Xurídica Galega homenaxease aos maxistrados Xosé Xoán Barreiro Prado, Luciano Varela Castro, Xoán Manuel Alfaya Ocampo e ao fiscal Benito Montero Prego coa descuberta dunha placa colocada nas inmediacións da Audiencia Provincial de Pontevedra por seren os autores das primeiras sentenzas ditadas en galego nese órgano xudicial, hai xa trinta anos.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    O avogado Avelino Ochoa, membro da Irmandade, fixo fincapé da importancia dos recoñecementos aos homenaxeados para que o seu exemplo sexa secundado polos profesionais da xudicatura e o dereito “racharon cun falso mito porque demostraron que o difícil labor de impartir xustiza é posible facelo da maneira máis achegada, falándolle á xente no idioma de seu”.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    Benito Montero Prego, falou en nome propio e dos restantes homenaxeados sinalando que aquilo foi “un acto de amor polo galego, unha ilusión por chegar a normalizar en certa parte á xustiza”.

    A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva Rego, subliñou a importancia do uso da lingua galega como unha maneira de afirmar a condición de galeguidade dos operadores xurídicos e dos usuarios da xustiza facendo fincapé nos méritos dos homenaxeados afirmando que os catro “forman parte xa do mellor da nosa memoria”.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    Pechou a quenda de intervencións o concelleiro de normalización lingüística do concello de Pontevedra, Luís Oubiña, dándolle parabéns tanto á Irmandade Xurídica como aos homenaxeados polo traballo realizado.

    A continuación, no salón de plenos da Deputación de Pontevedra que tantas veces acolleu a presenza de Xosé Fariña Jamardo (figura escollida este ano para salientar a memoria dun xurista preocupado pola expresión do dereito na nosa lingua) que fora secretario xeral desa institución, desenvolveuse o acto académico da XII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega coa asistencia dos irmandiños e irmandiñas que conforman a Irmandade entre os que se encontran a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    Xoaquín Monteagudo Romero, deu a benvida aos asistentes facendo un relato das múltiples actividades desenvolvidas nos últimos meses por toda Galicia.

    A seguir foron convocados un a un os novos irmandiños e irmandiñas que se incorporaban á Irmandade, que publicamente asinaron o compromiso de utilizar a lingua galega no seu ámbito profesional e facéndolle entrega por parte dos membros da presidencia dun diploma acreditativo, do escudo da Irmandade e unha insignia de prata co logo da IXUGA. Agradeceu o nomeamento, en nome de todos eles, a avogada Tania Castro facendo un chamamento a todos para exerceren o maxisterio da galeguidade no ámbito profesional.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    A Avogada Xeral do Estado e membro da Irmandade, Consuelo Castro, pronunciou o discurso de recepción da Irmandade remachando a necesidade dun maior compromiso das institucións públicas e dos profesionais do dereito coa lingua galega.

    Na segunda parte da Asemblea rememorouse o talento intelectual de Xosé Fariña Jamardo, xurista preocupado polo desenvolvemento do dereito consuetudinario galego e polo recoñecemento xurídico da parroquia, que foi louvado por Xesús Costas Abreu.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega

    Pechou o acto da XII Asemblea da Irmandade o Secretario Xeral de Política Lingüística, que debullou as próximas iniciativas do seu departamento para facilitar as ferramentas necesarias para a extensión da lingua galega nos usos xurídicos.

    O acto estivo amenizado polo Grupo de Cámara da Orquestra Philarmónica Cidade de Pontevedra.

    XII Asemblea Irmandade Xurídica Galega
    Previous articleHomenaxe a Xosé Fariña Jamardo
    Next articleMelgaço, a reivindicación da memoria