Homenaxe a Xosé Fariña Jamardo
No centenario do seu nacemento
(1919 – 2008)
Celebrouse en Caldas de Reis, vila natal de Xosé Fariña Jamardo,unha homenaxe promovida pola Irmandade Xurídica Galega. Fariña Jamardo foi un estudoso da organización territorial de Galicia que plasmou en moitas monografías dedicadas á investigación, salientando a súa obra “A personalidade da parroquia galega” (Editorial Sept,1976). Desempeñou o cargo de secretario xeral da Deputación de Pontevedra e foi tamén o primeiro Oficial Maior do Parlamento de Galicia.
Reivindicou a parroquia como célula básica da organización social galega con fondas raíces na historia moi anteriores ao cristianismo. Malia estar recoñecida a parroquia no Estatuto de Autonomía de Galicia, o Parlamento de Galicia aínda non lle concedeu hoxe a personalidade xurídica que lle corresponde. Por esta razón, afirmaba Fariña Jamardo, a división territorial de Galicia é unha artificiosidade creada no século XIX coa incorporación dos concellos e deputacións como administracións superpostas. No dereito comparado a parroquia ten, en Portugal, un modelo que a Lei das Autarquias Locais recoñece nas Xuntas de Freguesía, que son un modelo de representación da organización social. Aquí,en Galicia,quedan en pé nove entidades locais menores, que son parroquias con gobernos de seu e as correspondentes competencias nalgunhas materias que ben poideran ser modelos para extender a todas as parroquias.
Na homenaxe celebrada o pasado día 7 no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, Xesús Costas Abreu, funcionario do Concello de Vigo, afondou nas contribucións teóricas de Fariña Jamardo.Da mesma opinión foron os demais participantes na mesa redonda. Xoaquín Monteagudo Romero,presidente da Irmandade Xurídica Galega, Carlos López Font, deputado provincial e Xoán M. Rei, alcalde do Concello, salientaron os valementos intelectuais do homenaxeado, rubricado coa lectura dunha carta que Celso E. Ferreiro lle enviara por volta dos anos setenta.
A seguir da mesa redonda inaugurouse un monolito situado nun xardín da Vila que recorda a memoria de Xosé Fariña Jamardo.