Melgaço, a reivindicación da memoria

    En Melgaço, na pontella de acceso ao Museo Espaço Memória e Fronteira 
quedou chantado un monolito que reivindica a memoria de Xosé Velo 
Mosquera “Pepe Velo” ao tempo que nel se deixa constancia do 
agradecemento ao pobo daquel concello minhoto por ter dado acubillo aos 
moitos galegos e galegas fuxidos da represión desatada pola sublevación militar do ano 
1936.

    O monolito, realizado con esmerado feitío pola Escola de Canteiros da 
Deputación de Pontevedra recolle o texto que expresa non nidieza a 
reivindicación histórica do nacionalista galego máis preclaro da 
resistencia ao franquismo e defensa dos ideais do iberismo, ideal de 
unidade dos pobos peninsulares, e impagable débeda de cantos tiveron que 
cruzar ás alancadas cada un dos 60 quilómetros da fronteira de Galicia e 
concello de Melgaço. Castro Laboreiro foi sen dúbida o escenario 
xeográfico no que se axuntou o maior número de fuxidos que foron 
acubillados pola solidariedade daquelas aldeas castrexas.

    Melgaço, a reivindicación da memoria 6-12-019

    Na inauguración do monolito sucedéronse diversas intervencións co 
denominador común da reivindicación da memoria. O presidente da 
Fundación L. Peña Novo abríu a quenda das intervencións para deixar 
constancia da importancia histórica de Xosé Velo Mosquera, figura aínda 
descoñecida para moitos galegos. Luís García Mañá, en nome da Asociación 
de Amigos do Couto Mixto, centrou a atención na solidariedade dos pobos 
arrainos que sempre foi recíporoca. Antón Piñeiro, biógrafo de Pepe 
Velo, leu as cartas que se cruzaron o homenaxeado a a súa muller cando 
el morou durante uns días na vila balnearia de Melgaço despois de 
abandonar o agocho durante oito meses en Moreiras, aldea de Celanova, 
camiño de Lisboa. Noemi Outeda, deputada provincial, tamen fixo fincapé 
na figura de Pepe Velo, descoñecida e agora reivindicada para a memoria. 
Américo Rodrígues,autor dun documentado artigo “Refugiados e 
Gerrilheiros Antifranquistas em Castro Laboreiro (1936-1943)” que estivo 
acompañado Paul Feron-Lorenzo, fillo da mestra Eudosia Lorenzo Díaz, 
refuxiada naquela serra, fixo un percorrido histórico polas vicisitudes 
que tiveron que pasar aqueles homes e mulleres galegas que atoparon nas 
brandas e inverneiras agochos seguros para safárense da represión 
franquista.

    Pechou o acto a Vicepresidenta da Cámara Municipal de 
Melgaço, Maria José Nóvoas Pinho, agradecendo que fose escollido o 
Concello para a celebración do acto e perpetuación pétrea da memoria de 
sofrimentos de centos de galegos e galegas naquelas terras.

 A homenaxe foi promovida pola Fundación Lois Peña Novo, Asociación de 
Amigos do Couto Mixto e Cámara Municipal de Melgaço, presidida por 
Manuel Batista Calçada Pombal, que prestou o seu entusiástico apoio e tamén pola 
Deputación Provincial de Pontevedra.

    Previous articleXII Asemblea Irmandade Xurídica Galega
    Next articleHomenaxe ao empresario D. Antonio Fernández López