Presentación “En Galego agora e sempre” 2010

    A incorporación da lingua galega a tódolos usos sociais debe implicar aos particulares nesta tarefa.
    Presentouse en acto público celebrado no auditorio do Museo do Pobo Galego a cuarta entrega da publicación “En galego, agora e sempre”. Un libro que recolle perto de cen mandas testamentarias. Manuel Abalo Martínez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Iván Area, Pedro Arias Sánchez, José Luís Baltar Pumar, Miguel Barros, Xurxo Borrazás, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Olalla Cociña, Baldomero Iglesias “Mero”, Xoán López Facal… son algún dos autores das respectivas cláusulas que han servir de exemplo para que se vaia estendendo entre os sectores da sociedade máis preocupados pola sorte da nosa lingua, a idea de asegurarlle un futuro mellor.
    Con esta iniciativa a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, promotora da idea, quere invitar aos cidadáns a incorporar a lingua galega nos testamentos, incluíndo ademais unha cláusula dirixida aos legatarios para que protexan e fomenten no futuro o noso idioma.
    A incorporación da lingua galega a tódolos usos sociais debe implicar aos particulares nesta tarefa. Se é certo que os poderes públicos teñen a obriga de protexeren e fomentaren o noso idioma, non é menos certo que no ámbito da actividade privada son os cidadáns os que teñen que asumir responsablemente a vontade de galeguizar as súas propias relacións. Velaí están os testamentos e, por outra banda, os actos fúnebres, dous ámbitos que xeran senllas actividades económicas.
    No ánimo da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia está promover un cambio de actitudes lingüísticas na sociedade, espertando nela a asunción da transcendencia que as vontades individuais poden ter no conxunto da poboación.
    No acto celebrado no Museo do Pobo Galego, con gran concorrencia de público, puxéronse de manifestó todas estas preocupacións.
    O Presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo, afondou na tradición xurídica galega para xustificar a oportunidade da iniciativa das mandas testamentarias, dando lectura a un documento notarial medieval da Vila de Muros.
    O profesor e académico da Real Academia Galega, Manuel González González, fixo unha abondosa incursión no discurso da normalización lingüística facendo fincapé na colaboración necesaria dos notarios. Sen eles -dixo- a proposta que nos fai a Asociación de Funcionarios, terá dificultades prácticas e non se experimentarán progresos. De aí que sexa necesaria a implicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística que terá que poñer en marcha as propostas recollidas no Plan Xeral de Normalización Lingüística. Pero tamén insistíu na importancia de remover a conciencia cidadá para que os avances sexan notorios.
    O Conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Antonio López Díaz, que tamén escribíu a súa manda testamentaria, secundouno ao dicir en acaída expresión galega, “que a nai do año estaba nas facultades de Dereito” nas que se preparan os xuristas. A súa mentalidade aberta pode propiciar a desexada transformación que lle permita á lingua galega estar presente en tódolos actos xurídicos documentados.
    Importante foi tamén a participación de Santiago Vázquez, un executivo da empresa “R de Telecomunicación”, pioneira no uso da lingua galega, explicando os contidos da súa manda testamentaria e o por qué das encomendas que lle fai nela aos seus herdeiros.
    Xesús Palmou, ex-Conselleiro da Xunta de Galicia, apostou pola importancia das decisións persoais na preservación do noso patrimonio cultural, e a súa propia recollida na manda testamentaria escrita para o libro que se presentaba.
    Xosé Dono, Alcalde do Concello d´A Estrada, deu lectura á Declaración dos Concellos galegos apoiando a iniciativa e anunciando a celebración dun acto de rehabilitación da memoria cultural e lingüística dos irmáns Valladares, substituíndo as respectivas lápidas escritas en castelán por outras en galego, como corresponde a dous personaxes que en vida foron ardentes defensores da lingua galega.
    A subdirectora Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Cristina González Rubal, púxolle o ramo ao acto manifestando o apoio da Xunta de Galicia á iniciativa que se presentaba, que foi amenizada musicalmente polo grupo “A Quenlla”, formado por Mini e Mero, autores tamén de cadansúa manda testamentaria.

    Previous articleEn memoria de Gonzalo Jar
    Next articleSinatura Convenio Celtic Estores

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here