En memoria de Gonzalo Jar

    Ás 19,00 horas do día 11 de setembro de 2010, levouse a cabo o descubremento do monumento que a Irmandade Xurídica Galega erixíu en Pontevedra para recordar a figura de don Gonzalo Jar Couselo, xeneral da Garda Civil, profesor universitario e defensor do uso da lingua nos Corpos e Forzas de Seguridade en Galicia.
    A súa esposa dona Mari Luz Rodríguez Medel, acompañada das súas fillas, Ana e Marta, foron as encargadas, xunto co Fiscal Xeral do Estado e o Secretario Xeral de Política Lingüística, de retirar o pano que cubría o busto de bronce realizado polo escultor José Molares e a peana feita pola Escola de Canteiros de Poio como aportación da Deputación Provincial de Pontevedra.
    Numeroso público, entre o que se encontraba a nai de don Gonzalo Jar Couselo, o seu irmán e outros familiares, escoitaron emocionados as palabras que don Benito Montero Prego, Fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra pronunciou en lembranza do homenaxeado.
    Presidiron o acto e participaron con senllas intervencións D. Cándido Conde Pumpido, Fiscal Xeral do Estado e amigo persoal de don Gonzalo Jar quen pronunciou unhas palabras no seu recordo; D. Rafael Louzán, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra; D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; D. Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra; D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega; D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia, e do Delegado do Goberno en Galicia, don Antón Louro Goyanes.
    A escritora Fina Casalderrey, amiga da infancia de don Gonzalo Jar e veciña do Lérez, tivo unhas emotivas e fermosas palabras de recordo do amigo e do veciño e Ana Jar agradeceu en nome da familia o acto cunha intervención cargada de emoción.
    O salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra ateigouse de veciños e amigos de Gonzalo Jar, que seguiron con atención as intervencións que se foron sucedendo, salferidas co programa musical do grupo de cámara Antero.
    Tamén estiveron presentes no acto a vicerreitora do Campus da Universidade de Vigo, o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Manuel Ferreiro, o Xefe Superior de Policía de Galicia, Luís M. García Mañá, Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra e outras moitas representacións institucionais.

    Previous articleActo de nomeamento de Don Benito Montero Prego como fillo adoptivo do Concello de Poio
    Next articlePresentación “En Galego agora e sempre” 2010

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here