La Región – Xuristas e concellos, xuntos na defensa do uso do galego

Máis de 60 persoas participaron nun acto conmemorativo de Bouza Brey e da Xeración Nós

A Irmandade Xurídica Galega congregou este mércores a máis de 60 persoas en Cortegada, procedentes de numerosos concellos, para conmemorar o 120 aniversario do nacemento do xurista e etnógrafo galeguista Fermín Bouza Brey e o centenario da Xeración Nós. O acto daba comenzo ao mediodía no cemiterio parroquial co descubremento dunha placa e as intervencións que iniciaba o presidente da entidade organizadora, Xoaquín Monteagudo, e pechaba o fillo do homenaxeado, José Luis Bouza, que falou de como o seu pai lle transmitiu a importancia de potenciar a cultura e a lingua galega.
Os asistentes desprazáronse seguidamente ata o auditorio da Casa do Concello de Cortegada, onde se completou o aforo. Presidiron o acto Xoaquín Monteagudo; Consuelo Castro, abogada xeral do Estado; Avelino Luis de Francisco, alcalde de Cortegada; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; e Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco.

Avelino Luis de Francisco referiuse aos vínculos de Bouza Brey con Cortegada, onde descansan os seus restos, e que teñen que ver coa súa muller que pertence á familia Álvarez, de especial relevancia neste municipio.

Xoaquín Monteagudo facía un percorrido pola vida do homenaxeado, lembrando que era coñecido entre os estudantes da literatura galega pola súa poesía e pola Escola Neotrobadoresca Galega, ademais como investigador da biografía de Rosalía de Castro. Monteagudo tamén se refería a outras das súas facetas como a antropoloxía  e, sobre todo, a de xurista pola súa profesión de maxistrado, que lle permitiu salvar a moita xente dos coñecidos como “paseos” dos falangistas. A súa persecución comezaba por ese motivo e tamén porque en 1931 escribía un artigo demandando ás administracións que incorporasen o bilingüismo, defendendo o uso do galego máis alá da literatura. O xurista foi expulsado finalmente a raíz dunhas conferencias en Buenos Aires durante as que se prescindiu da bandeira española.
Valentín García destacaba a importancia do uso do galego nos procesos xudiciais e instou aos concellos a utilizalo. Mentres, Miguel Ángel Santalices destacaba o papel que o xurista tivo na construción do galeguismo a comezos do século XX e na recuperación da prehistoria e historia de Galicia. Así mesmo, suliñou a súa contribución á modernización da lírica galega inspirada na métrica dos cancioneiros medievais.

Previous articleLa Región – Unha placa en Cortegada lembrará a Fermín Bouza
Next articleLa Voz de Galicia – A Declaración de Cortegada reivindica os valores da identidade galega