Día da Galeguidade Empresarial. Compostela, 10/10/23

    Día da Galeguidade Empresarial. Compostela, 10.10.23.

    30 anos despois da galeguización de Transportes Castromil.

    O Día da Galeguidade Empresarial é unha data sinalada polo Foro Enrique Peinador para recoñecer publicamente a empresas que apostaron polo uso da lingua galega nas súas actividades. Desta volta e en representación da empresa de transportes que foi máis emblemática de Galicia, o personaxe escollido foi D. Ramón Castromil Ventureira, que fora o seu director xeral.  

    Foi no ano 1992 cando a AFNLG que anos máis tarde haberíalle dar o relevo ao Foro E. Peinador no fomento do uso da lingua no ámbito socioeconómico, propuxeralle ao empresario a galeguización da empresa. O entusiasmo de don Ramón supuxo que nun período curto de tempo a lingua galega fose utilizada nas relacións laborais e, ao tempo, nas relacións cos usuarios; mostra dese empeño foi a rotulación dos autobuses cos nomes de personalidades relevantes  de Galicia e a edición dos “Contos do Castromil”.

    O acto celebrado na salón nobre de Fonseca estivo presidido polo Reitor da USC, D. Antonio López Díaz; o Vicerreitor da UdeVigo; o Secretario Xeral da UdC, D. Carlos Aymerich Cano; a alcaldesa do concello de Santiago de Compostela, Dna. Goretti Sanmartín; Don Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística e o Presidente do Foro E. Peinador, D. Xosé González Martínez que foi a entidade promotora. Amais do sinalados tiveron quenda de palabra Dna. Cruz Martínez, da empresa Embutidos Lalinense; D. Manuel Rial, da empresa Seguridade A1, e Dna. Isabel Carro, do Estaleiro Navantia quen anunciou o compromiso da empresa de estender o uso do galego nos acordos de colaboración coas diferentes entidades, comunicacións públicas, sinaléctica, etc. 

    Acto seguido, nas inmediacións da Intermodal (Estación de Autobuses) de Compostela descubríuse un busto de bronce do empresario D. Ramón Castromil obra do escultor José Molares.

    O Foro Peinador quere manifestar o seu agradecemento á deputada do Grupo Parlamentario SUMAR, Dna. Verónica Martínez Barbero, por ter sido a eficaz mediadora con Navantia para que esta sociedade pública anunciase a súa incorporación á galeguización empresarial.

    Previous articleD. Américo Rodrigues na Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto
    Next articleRESTAURACIÓN DA MEMORIA LINGÜÍSTICA DE GALICIA EN GALEGO, AGORA E SEMPRE Amoedo-Pazos de Borbén – 28 de outubro de 2023