Faro de Vigo – Un empresario galeguista de acción e pensamento

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Vai para 81 anos que un 20 de xuño morría en Vigo Enrique Peinador Lines, o propietario do Balneario e Augas de Mondariz, despois de que, “manu militari”, os sublevados contra a legalidade republicana que el defendeu, lle embargasen as propiedades. Esta circunstancia non lle impedíu intentar reconstruir o Partido Galeguista naqueles anos de terror.
Foi un empresario galeguista de acción e pensamento. Estivo presente en momentos decisivos da vida do país en escenarios políticos, económicos e culturais. En todos eles tivo un papel sobranceiro.
Demostrou sempre unha actitude política galeguizadora firme no ámbito persoal, no empresarial e cultural, desde o tránsito que fixo do rexionalismo herdado do seu pai á militancia no Partido Galeguista, pasando polas Irmandades da Fala e a súa contorna e por toda canta iniciativa galeguizadora se puxo en marcha.
Cualificado filántropo e mecenas. Pero amais diso podemos dicir que Enrique Peinador Lines foi un empresario excepcional no seu tempo, unha mente prodixiosa capaz aglutinar e mobilizar vontades para imaxinar un futuro de modernidade para Galicia. Del poderíase dicir que foi o precursor da organización territorial que coincide coa chamada hoxe área metropolitana de Vigo. A liña de tranvía Vigo-Mondariz ía supoñer unha articulación territorial decisiva para o desenvolvemento económico do sur da provincia Pontevedra.
Vexamos algúns fitos importantes da súa biografía. Un deles foi,sen dúbida, o complexo hoteleiro do balneario que el e o arquitecto Antonio Palacios, ambos os dous, idearon e no que plasmaron conceptos urbanístico modernos para as instalacións sen perderen a referencia de país.Velaí a orixinalidade dos seus proxectos. Algunhas das obras por mor da sublevación militar quedaron inconclusas.
O Balneario de Mondariz foi un dos foros científicos máis relevantes que se teñen feito en Galicia: as Xornadas Médicas Galegas baixo a di-rección do reitor da USC Rodríguez Cadarso. Máis de trescentos médicos acudiron ao Balneario naquela ocasión.
Nesta súa preocupación por vencellar o Balneario á ciencia médica é a súa aspiración de crear un Instituto de Hidroterapia, que tiña a intención de acubillar unha escola sanitaria. De feito, a Mondariz acudiron con moita frecuencia alumnos da Facultade de Medicina dirixidos polos seus profesores para coñeceren as posibilidades terapéuticas das súas augas. Para alentar ese achegamento da ciencia médica e o balneario, convocou o Premio Peinador para teses de doutoramento sobre hidroloxía, dotado de 1.200 pesetas, que para o tempo era unha dotación importante.
No eido político, Enrique Peinador Lines, que tiña carné do Partido Galeguista, participou nos encontros que deron pé á declaración do Pacto de Barrantes. Asemade, o partido comisionouno para entrevistarse con Portela Valladares, daquela ministro de Gobernación, para interceder por Castelao e Bóveda, desterrados de Galicia polo Goberno de Lerroux e tamén con Azaña, presidente da República, co que acordaron un entendemento plebiscitario para Galicia, para o que fixo achegas económicas importantes para a campaña pro Estatuto. Foron importantes tamén a participación no mitín das arengas o 25 de xullo e a visita a Tolosa para entrevistarse cos dirixentes do PNV.
No eido cultural cómpre sinalar que a Real Academia Galega, Seminario de Estudos Galegos e outras institucións culturais recibiron achegas económicas de EPL.Castelao pintou os grandes óleos de cegos a instancia súa, así como as imaxes comerciais de anuncios e etiquetaxe.A revista Nós que a piques estivo de desaparecer por falta de medios económicos superou a crise porque Enrique Peinador Lines a rescatou.
Para os que estean interesados en coñecer a súa biografía suxerímoslle que a descarguen en www.galeguizargalicia.gal.
Enrique Peinador Lines, ten méritos abondos para que se lle dedicase un Día das Letras Galegas innovador.

Previous articleDiario de Pontevedra – Sumar
Next articleGalicia Digital – A Ciencia en galego