O día amenazada choiva pero respectou a celebración ata o final; máis de cen de persoas ateigaron a igrexa de San Sadurniño de Amoedo para celebrarmos a restauración da memoria de MARISOL MÍGUEZ e RAÚL PEREIRA dous veciños entrañables da parroquia que a través dos seráns e da música tradicional que tanto amaban transmitiron á mocidade a lingua galega a través da recuperación do folcklore popular, e que curiosamente estaban soterrados cunhas lápidas escritas en castelán.
A campaña En galego, agora e sempre que a AFNLG ven desenvolvendo desde hai anos ten como finalidade facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida; tamén proponse sempre a colocación na entrada do camposanto doutra placa en memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas galicia segue a ter cultura e lingua de seu. O concello de Pazos de Borbén entendeu perfectamente a nosa proposta colaborando plenamente no acto.
Carme Pérez Vaquero e Xosé González Martínez en representación da Asociación de Funcionarios fixeron fincapé na necesidade de involucrar a distintos sectores sociais, como agrupacións flockloricas, comunidades de montes, etc. para que se involucren nesta campaña de recuperación da identidade colectiva.
Participaron no acto Xosé Carlos, crego da parroquia de Amoedo que fixo un discurso contundente, emotivo e reivindicativo sobre o que significa ser galego e pertencer a un pobo cunha lingua e unha cultura diferenciada, alentando aos presentes a involucrarse na defensa real e efectiva do noso idioma tamén no ámbito das derradeiras vontades.
Participou no acto o Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, D. Xosé Alfredo Pereira, contestando á proposta da AFNLG que proporán a todas as C.Montes que se adopten acordos de pagamento das lápidas dos comuneiros que se fagan en galego.
O alcalde do concello de Pazos de Borbén D. Luciano Otero expresou o seu sentir e apoio a actos como este indicando que terán unha continuidade no tempo.
Carmiña de Soutomaior, amiga persoal de Marisol López, con quen compartíu seráns e moitas alegrias tivo palabras acaidas no seu recordo cantando unha fermosa cantiga.
Rosa, filla de Marisol e Raúl, e Andrea a súa neta, expresaron o seu agradecemento e o seu sentir con palabras acaidas de recordo e emocións, comprometéndose publicamente a defender a lingua e transmitirlla aos netos e fillos porque tamén nela viviron os seus pais e avós.
A nota musical no acto a puxeron Oscar Franco, tocando unha peza á zanfona así como varias agrupacións, a Coral de Santa María de Pazos de Borbén, que cantaron Unha noite na eira do trigo e Fisterra; As pandereteiras O Carballo das Cen Polas; O grupo de pandereteiros e pandereteiras Regodobargo e outro grupo de Cabral que quixeron acompañar coa súa música a homenaxe a Marisol e Raúl.
Foi un acto de sentida emoción nun ambiente de recordo e alegría pero sobre todo un acto de recoñecemento a nosa lingua porque é o pegamento que nos une á terra e nos conforma como galegos e galegas.