No día da Patria Galega

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

O día 25 de xullo trae ao meu maxín vellas lembranzas do comezo das primeiras convocatorias do Día da Patria Galega en tempos da ditadura franquista, e dos inicios da miña militancia no galeguismo, que ten unha data: o 25 de xullo de 1965 na chamada Misa de Rosalía celebrada en San Domingos de Bonaval. Foi a primeira vez que tal acto litúrxico se realizaba en lingua galega na historia de Galicia. Alí estiven de axudante do padre Seixas, que oficiaba o acto litúrxico. A partir de entón a miña militancia nacionalista na defensa da identidade galega foi multiplicándose sucesivamente en múltiples e variadas actividades sen desmaio. Toquei todos os paus, coma quen di. Asumín a dirección da UPG coa dobre tarefa de artellar unha estratexia política que definise o nacionalismo daqueles anos e a organización de múltiples estruturas organizativas. Mesmo deseñei a bandeira galega coa estrela vermella hoxe tan popularizada para darlle á ANPG un símbolo identificador.
Consolidada a celebración do Día da Patria Galega, pasados os anos, a reflexión que hoxe cómpre facer é se todos e todas as que participan nela son consecuentes na vida cotiá coa filosofía que a inspira. A primeira pregunta que nos deberiamos facer é se hai correlación entre a representación política nas institucións e o incremento da conciencia nacional na cidadanía. A miña experiencia de moitos anos de activismo a prol da reconstrución da identidade nacional afírmame no aserto de que o proceso está a ser excesivamente lento.
As estatísticas confirman o aserto: hai amplos sectores sociais entregados sumisamente ás políticas asimilacionistas que minorizan a nosa lingua. E isto acontece por moitas causas.Porque as responsabilidades están moi repartidas. As chamadas clases cultas, por exemplo, practican un autosuicidio que xa observaba Peña Novo en 1921 cando afirmaba que “eses homes cultos cando non teñen unha cultura nacional considéranse desleigados do seu pobo, superiores ao seu pobo, e convértense en elementos disociadores. Teñen medo a manifestárense galegos; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política, galegos en todas as afirmacións da nosa vida individual e colectiva. Medo a seren, nunha palabra, demasiados galegos. Todo o noso parécelles vulgar, e todo o alleo seméllales dintinguido e superior”. Ortega y Gasset, ao constatar este comportamento, referíase a Galicia como un pobo de almas rendidas.
Deste andazo non se libran as lexións de licenciados das universidades galegas que pasan despois do proceso formativo a desempeñaren funcións directivas en administracións públicas e empresas privadas. Voluntariamente constitúense en freos para a reconstrución da identidade agredida desde tempos pretéritos, malia a existencia dun ordenamento xurídico vixente que a protexe, obviándoo con incomprensible teimosía.
Tamén a creba da transmisión oral da lingua de pais a fillos é evidente; os ensinantes fracasaron como pedagogos e os partidos políticos e sindicatos, agás algúns acenos rituais, pouca constancia teñen demostrado para artellar unha pedagoxía regaleguizadora da sociedade alén das proclamas electorais. As administracións públicas que teñen a obriga de fomentar o patrimonio cultural de noso non todas poñen o mesmo empeño no cumprimento das obrigas legais. Non teñen programacións acomodadas a cadansúa circunstancia para afortalaren o sentemento de galeguidade na poboación, erradicando comportamentos diglósicos, e alentando maiores doses de autoestima polo noso.
A celebración do 25 de xullo (para uns Día da Patria Galega e para outros Día de Galicia) ten un denominador común: a exaltación dos nosos valores patrimoniais. Proliferan as proclamas partidarias e evítase o maxisterio galeguizador que forneza ao pobo de argumentos sólidos e eficaces para acadarmos a tan necesaria cohesión cultural e maior autoestima.
Estamos a tempo de reconducir esta deriva, porque no país aínda hai moita antropoloxía viva, que o único que require son grandes doses de imaxinación para o seu afortalamento. Galicia precisa de galeguistas auténticos, que o sexan todos os días do ano e a todas as horas; non a tempo parcial, que é o mesmo que calificalos de galeguistas medio pensionistas.

Previous articleLa Region – El Couto Mixto nombra a sus tres nuevos jueces
Next articleBadalNovas – A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”