Día da Galeguidade Empresarial na sede de Adegas Terra de Asorei (San Martiño de Meis, 18 de outubro de 2025)
A adega Terra de Asorei acolleu onte a celebración do Día da Galeguidade Empresarial, unha xornada emotiva que reuniu a máis dun cento de persoas representantes de medio cento de empresas galegas dos sectores financeiro, conserveiro, vitivinícola, turístico, obra pública, servizos, etc.
O acto, promovido polo Foro Enrique Peinador e financiado pola Deputación Provincial de Pontevedra, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Lingua e tivo como obxectivo visibilizar e recoñecer o compromiso das empresas galegas que fan do idioma propio unha ferramenta de valor, identidade e prestixio.
A secretaria do Foro Enrique Peinador, Carmen Pérez Vaquero, foi a encargada de conducir o acto cunha intervención na que fixo fincapé na idea de que as empresas que apostan polo galego constrúen proximidade e confianza subliñando que a galeguización empresarial non é só un compromiso simbólico, senón unha estratexia intelixente que fortalece as marcas e humaniza a economía, facendo do idioma unha ponte entre empresa e sociedade.
O deputado provincial Marcos Guisasola Padín, en representación da Deputación de Pontevedra, salientou o decidido compromiso da institución provincial co uso do galego en todos os ámbitos da vida pública e social, incluído o empresarial, por entender que a lingua é un sinal de identidade que fortalece o tecido económico e proxecta unha imaxe cohesionada e moderna da provincia. Subliñou ademais que a Deputación “seguirá apoiando con firmeza todas aquelas iniciativas que contribúan a galeguizar a economía, porque falar en galego tamén é crear futuro, arraigo e valor engadido para o noso territorio”.
O secretario xeral de Lingua, Valentín García Gómez, destacou que “o galego é unha ferramenta de competitividade e innovación, capaz de fortalecer a nosa marca e diferenciar os nosos produtos no mundo” subliñando que a Xunta de Galicia colabora activamente co Foro Enrique Peinador na promoción de iniciativas que impulsen a presenza da lingua galega no ámbito económico.
No acto presentouse o microdocumental Medrando co galego, producido polo Foro Enrique Peinador, no que tres voces representativas, da sociedade civil (Foro Peinador) da administración pública (Deputación de Pontevedra) e do sector empresarial (Adega Terra de Asorei) coinciden na idea de que a presenza do galego nas empresas é un sinal de identidade, compromiso e orgullo de país, ademais dun factor que reforza a marca Galicia.
Durante o acto, o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, fixo entrega do Diploma de Galeguidade Empresarial á Adega Terra de Asorei, salientando na súa intervención a necesidade de que lingua e a economía vaian da man, porque é a mellor maneira de vertebrar a identidade galega e de facer copartícipes a todos os sectores, especialmente o económico, dun proxecto común de país. Lembrou a figura de Enrique Peinador, empresario galeguista que dá nome ao Foro Peinador e que xa a comezos do século XX entendeu que Galicia é pobo e terra, e que a lingua é unha ferramenta esencial para construír marca de futuro.
O presidente de Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán, agradeceu o recoñecemento e reafirmou “o compromiso da adega coa lingua e coa terra, dous piares inseparables que axudan a vertebrar Galicia e a fortalecer a identidade colectiva”. Na súa intervención fixo un repaso aos dez anos de traxectoria da empresa nas actuais instalacións, lembrando as dificultades e o camiño percorrido ata consolidarse como un proxecto de referencia. Subliñou que o éxito de Terra de Asorei “non sería posible sen o apoio, a ilusión e o traballo de moitas persoas que, dende distintos ámbitos, contribuíron a facer realidade este proxecto”. Recoñeceu así o papel de traballadores, colleiteiros, colaboradores e institucións, aos que expresou o seu sincero agradecemento porque “sen o compromiso de todos, esta realidade non sería posible”.
Interviron tamén o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, quen subliñou o apoio financeiro ás iniciativas empresariais galegas é un compromiso firme e continuado da entidade, que entende a lingua e a economía como dúas forzas complementarias na construción dun país máis forte e cohesionado.
Cruz López en nome de Embutidos Lalinense, unha empresa que se proxecta ao mundo en galego como mostra de identidade, calidade e orgullo de orixe, demostrando que a lingua pode ser tamén un valor engadido e unha ferramenta de competitividade no mercado global e Juan José Esperón, en representación de Juan Sabarís, xerente de Conjusa, anunciando a próxima galeguización da empresa, nunha nova etapa na que o uso do galego formará parte esencial da súa imaxe e da súa relación coa sociedade.
A música veu da man de María do Ceo, que emocionou ao público con interpretacións inspiradas na poesía de Ramón Cabanillas e na cultura do viño galego nunha xornada que uniu palabra, música e identidade.
O acto rematou cunha degustación de produtos galegos ofrecida por Terra de Asorei, Embutidos Lalinense e Cooperativa Hoxe pechando unha xornada na que se celebrou comunidade, con alegría e sabor a Galicia.
O Foro Enrique Peinador reafirmou, unha vez máis, o seu compromiso de seguir impulsando accións que fortalezcan a presenza do galego no mundo económico, convencido de que a lingua galega é tamén economía, progreso e orgullo compartido.











































