Cerponzóns acolle a Restauración da Memoria Lingüística de Galicia no marco da campaña “En galego, agora e sempre”.

    A igrexa de San Vicente de Cerponzóns foi hoxe escenario dun acto histórico pola dignidade da lingua galega, no marco da campaña “En galego, agora e sempre” que AFNLG vén desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas cun fundamento sinxelo: poñer en evidencia a contradición de que persoas que viviron, sentiron e amaron durante toda a súa vida en galego, sexan recordadas para sempre en castelán, unha realidade que non fai xustiza a súa identidade.
    No acto procedeuse á sinatura da Declaración de Cerponzóns que foi lida pola presidenta da asociación O Chedeiro, Liliana Casás e asinada por Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua; María Xosé Abelleira, concelleira de Pontevedra; Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da AFNLG; Luís Seoane Ares, Vicario Episcopal Territorial de Pontevedra; David Costa Piñó, subdirector do IMELGA en Pontevedra; Ángel González Solla, da Alianza Evanxélica Española; Juan Laureano Perdíz Cabanelas, da Funeraria San Marcos; e Xoán Xosé Esperón Recarei, secretario da Asociación Cultural O Chedeiro, actuando como fedatarios os maxistrados Carmen Pose e Xosé Xoán Barreiro Prado.
    Un dos fitos máis salientables desta xornada foi a adhesión da Funeraria San Marcos, que se converte así na primeira empresa mortuoria en comprometerse a subvencionar a substitución de lápidas ao galego, ofrecendo ás familias unha alternativa xusta e acorde á identidade dos seus seres queridos.
    O acto estivo acompañado pola música tradicional do grupo Os de Algures e culminou cun xesto profundamente simbólico: o descubrimento dunha placa á entrada do camposanto en recordo de todos os que alí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu. Posteriormente substituíronse catro lápidas en castelán por outras en galego, pertencentes a familiares de Xoán Xosé Esperón Recarei, secretario da asociación de O Chedeiro.
    Con este acto Cerponzóns converteuse nun referente do camiño colectivo cara á restauración da memoria lingüística de Galicia, lembrando que a lingua non é só un medio de comunicación, senón tamén a pegada máis íntima da nosa identidade que entre todos debemos protexer.
    Previous articleXVI Asemblea Xeral da Irmandade Xurídica Galega
    Next articleDía da Galeguidade Empresarial 2026