HOMENAXE AO DOUTOR DARÍO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

    MEMORIA, LINGUA, IDENTIDADE E FUTURO. 

    Tui, sábado 25 de outubro de 2025

    O Espazo Sociocultural Camilo José Cela de Tui converteuse na mañá de onte nun punto de encontro coa memoria colectiva, a identidade e a lingua galegas. A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG), nomeadamente a súa rama sanitaria a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), en colaboración co Concello de Tui e a Xunta de Galicia, organizaron un acto de recoñecemento ao doutor Darío Álvarez Blázquez, exemplo de compromiso galeguista, sanitario e humanista.

    O evento estivo presidido por Enrique Cabaleiro González, Alcalde de Tui; Miguel Santalices Vieira, Presidente do Parlamento de Galicia; Valentín García Gómez, Secretario xeral da Lingua; Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da AFNLG e Manuela Valencia, médica en representación da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA).

    Preto de 80 persoas entre as que se encontraba unha amplísima representación da familia Álvarez Blázquez, escoitou a música a cargo dunha alumna e un profesor do conservatorio municipal de música de Tui, que encheron o espazo  nun preludio perfecto dun encontro cheo de palabra e recordo.  

    O presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo Romero, salientou as singularidades que marcaron a historia do proceso de normalización da lingua galega poñendo en valor o papel da AFNLG como instrumento de transformación social lembrando que un servizo público de calidade debe expresarse na lingua do pobo.

    O doutor Roberto Fernández Álvarez (ISAGA) analizou a traxectoria de Darío Álvarez Blázquez no marco médico e social do seu tempo, establecendo paralelismos coa realidade actual e reivindicando os principios éticos e humanistas que deben guiar a medicina galega. 

    A doutora Manuela Valencia (ISAGA) falou das propostas para normalizar o uso do galego na sanidade pública defendendo a necesidade de incorporar o galego á práctica cotiá dos profesionais da saúde subliñando que a lingua é un compoñente esencial da empatía e da proximidade no trato co paciente.

    O historiador Carlos Méixome falou sobre a biografía de Darío Álvarez Blázquez e as vicisitudes que a marcaron pola represión franquista, destacando o perfil humano e intelectual  dun home que exerceu a medicina con compromiso social, sufrindo persecución política polas súas ideas e compromiso co país. 

    O Secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, resaltou que o galego é unha ferramenta de cohesión e modernidade agradecendo o labor constante da AFNLG na promoción do seu uso en todos os sectores da sociedade, enfatizando que a galeguización é un exercicio cotiá que fortalece as institucións e dignifica ás persoas. 

    O Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, agradeceu o labor das entidades organizadoras e destacou o orgullo de que o seu concello acolla o recoñecemento a unha figura tan vinculada a cidade e á cultura galega dentro do mes da Memoria Democrática que iniciaron con este acto destacando o deber histórico que as administracións públicas teñen cos procesos de recuperación da memoria colectiva.  

    O Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, pechou as intervencións institucionais  destacando a unión entre saúde, lingua e cidadanía facendo unha mención especial ao doutor Darío Álvarez Gándara, fillo do homenaxeado, con quen compartíu vivencias médicas e persoais moi transcendentes. 

    O acto rematouse coa palabra emocionada de dous netos, Alfonso e Carlota , que expresaron o orgullo de ver recoñecido o legado do seu avó e agradeceron o traballo das entidades organizadoras.

    O acto culminouse coa descuberta dunha peza escultórica da autoría de José Molares, financiada pola Xunta de Galicia a proposta da AFNLG, sobre base de granito aportada pola Escola de Canteiros de Pontevedra que quedou chantada no Paseo da Familia Álvarez Blázquez reafirmando o compromiso que move ao colectivo Galeguizar Galicia de incidir no uso da lingua galega en todos os ámbitos da vida pública: a sanidade, a economía, a administración, as derradeiras vontades, etc…

    Previous articleDía da Galeguidade Empresarial 2026
    Next articleUn século de economía galega con identidade (1925-2025)