Esta circulando polas vilas ourensáns unha exposición conmemorativa do centenario da revista Nós. Unha iniciativa necesaria para dar a coñecer a importancia que tivo unha xeración de intelectuais implicados no afortalamento da nosa identidade nacional. Mágoa que os responsables de tal iniciativa incorrísen no erro por omisión de non recoñecerlle ao empresario galeguista Enrique Peinador Lines o mérito de ter recuperada a publicación interrompidadurante un ano e medio por falta de recursos financieiros. Negarlle ao empresario e militante do Partido Galeguista o papel que tivo na continuidade da publicación non só é inxusto, senón que deixamos de transmitirlles aos actuais un modelo de compromiso co seu país que el tan ben soubo exercer.
Enrique Peinador Lines foi o precursor da filosofía da responsabilidade social empresarial, segundo a cal as empresas deben implicarse na comunidade na que están asentadas, establecendo unha relación coa sociedade e os seus valores patrimoniais que a singularizan. Eses valores non son outros que a lingua e cultura.
Sen embargo, esa filosofía, malia as recomendacións da Unión Europea, aínda non foi asumida pola meirande parte do tecido empresarial. Para mostra un botón. Estes días Aguas de Mondariz, unha marca comercial que acuñou un modelo de galeguismo, lanzou unha campaña publicitaria que consiste nun novo deseño das botellas con etiquetas coleccionables que incorporan iconas da serie televisiva xaponesa Doraemon. Os ideólogos desa campaña publicitaria consideraron máis oportuno explotar un recurso cultural alleo a nosa cultura no canto de reivindicar as potencialidades da nosa.
Están moi lonxe da estratrexia publicitaria dos Laboratorios Zeltia que nos anos cincuenta comezaron a editar o “Almanaque ZZ”, unha publicación en lingua galega destinada a informar aos consumidores dos seus produtos químicos para afrontaren ás enfermidades do gando e cultivos. Co paso do tempo esta empresa foi mercada por Syrgenta, unha multinacional suiza de biotecnoloxia, hoxe absorbida por China National Chemical Corp. Malia eses cambios no accionariado seguíuse editando a publicación no noso idioma. Estes exemplos evidencian que ás veces hai estranxeiros que son máis respectuosos coa nosa lingua que os propios galegos.
É de xustiza recoñecer taméno compromiso que noutrora tivo coa lingua galega a cadea de Electrodomésticos San Luís con tendas en todas as cidades importantes de Galicia. Durante moitos anos encheu con publicidade de esmerados deseños os buzóns de correos das comunidades de propietarios chegando a milleiros de consumidores. Coetánea foron tamén as campañas publicitarias no noso idioma da cadea de supermercados VEGO, que utilizaron os mesmos procedementos conseguindo que os consumidores se familiarizasen e asumisen as xenuinas denominacións das súas ofertas (lixivia, lavalouzas, patacas, ollomol,etc.).
E actualmente, o Grupo Cuevas, de capital ourensán, propietaria dos Supermercados Plenus, é outro modelo de galeguidade empresarial. Todas as súas tendas están rotuladas en galego. Como, sorprendentemente, unha multinacional propietaria dos Supermercados Día que está a facer nos seus establecementos.
Cando Abanca fai publicidade masiva en lingua galega en todos os medios de comunicación é porque son sabedores de que esas mensaxes son do agrado dos seus clientes e que non interfiren negativamente nos seus negocios.
Queda moito camiño por percorrer para que os axentes económicos se reconcilien coa identidade cultural do noso país seguindo as orientacións da Unión Europea. Os poder que teñen os consumidores é decisivo para a galeguización da economía. O Parlamento de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Foro E. Peinador, veñen de convocar o XXVII Premios de publicidade en galego coa finalidade de estimular esa galeguización. O prazo de presentación de candidaturas remata o día 30 de decembro. Os interesados poden atopar información nas respectivas páxinas web do Parlamento, Secretaría X.de Política Lingüística e Foro E.Peinador. O acto de entrega dos premios terá lugar no Parlamento de Galicia.