O Parlamento de Galicia acolleu onte o exitoso acto de entrega da XXVI edición dos Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta coa colaboración da Cámara galega e do Foro Enrique Peinador, con cinco categorías no certame.
Na categoría de radio resultou gañador o traballo titulado Benvidos Novos Larseiros!, da empresa Larsa e a axencia BAP Conde.
En televisión, o galardón recaeu no traballo Martín Códax, Fillo do Atlántico da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás.
A distinción no apartado internet foi para o traballo titulado Queixos Hoxe, da Cooperativa Hoxe e a compañía Pío García Audiovisuais, S.L.
Na faceta de prensa escrita, o recoñecemento foi para o traballo Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás.
Dentro da sección de centros educativos, resultou premiado o traballo Stop_Bullyng, do IES Leixa.
O acto foi presidido polo titular do Lexislativo galego, Núñez Feijóo, que recordou a importancia da publicidade nos tempos actuais. “Galicia –afirmou– ofrece moitos e moi bos produtos e servizos, aínda que nunha sociedade globalizada, praticamente sen fronteiras económicas, poucas ou ningunha empresa pode prescindir da publicidade para darse a coñecer e potenciar a súa facturación”.
Considerou “lóxico” que tanto o idioma, como os recursos endóxenos de Galicia, estean presentes na publicidade que se fai en Galicia, como acontece nos anuncios galardoados nesta convocatoria. E Santalices felicitou a anunciantes e axencias “pola excelencia acadada nos produtos anunciados, e tamén pola decisión de facelo en galego, coa seguridade de que esta aposta será recompensada polos consumidores”. Puxo tamén de manifesto o “notable talento creativo” das axencias publicitarias galegas, “en pé de igualdade con calquera outra comunidade ou territorio”.
O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, e polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, exemplo de colaboración instituicional neste proxecto anual.