Galicia e o norte de Portugal, o territorio que vai do Douro ao Miño, foron unha realidade xeográfica e histórica na que aínda prevalecen os substratos que a configuraron como tal. O Dereito consuetudinario dun e outro lado da raia húmida e seca é o mesmo; a antropoloxía cultural campa nesa longa franxa territorial; o patrimonio toponímico dos accidentes xeográficos e lugares reitérase coas mesmas denominacións aquí e alá; os camiños que sucan o territorio trenzan unha realidade territorial que foi única e pola que percorría un mesmo imaxinario cultural; partillamos espazos territoriais que hoxe son parques naturais e a nosa tradición oral e literaria conforman un espazo que nos define sen máis diferenzas que a pertenza a realidades estatais distintas. Mesmo nalgúns lugares da raia a gaita é o mesmo instrumento musical.
As culturas que se foron sucedendo deron lugar a pequenas variantes con pequenas diferenzas que falan dunha oríxe común compartida. Ilustrativa é a viñeta de Castelao na que un neno lle pregunta ao seu avó -“E os da banda d´alá son máis estranxeiros que os de Madrí?”- Unha sinxela pregunta que encerra unha visión cósmica dun neno miñoto que non sorprende ao seu proxenitor afeito como está a mirar aos da outra beira como amigos ou mesmo como parentes.
Luís Manuel García Mañá é o autor de varias monografías sobre a ósmose xeográfica e cultural. Desa veciñanza sen solución de continuidade reseñada en moitos documentos históricos que acreditan que todos eramos uns -os mesmos foros, a mesma lingua, as mesmas tradicións-. A profesora Paula Godinho tamén ten inventariado ese patrimonio común compartido. Dese tempo son as institucións territoriais como o Couto Mixto, unha entidade xurídico-política singular. A indefinición da fronteira na raia seca conformou espazos denominados pobos promíscuos, porque ás máis das veces a raia imaxinaria que creaba fronteira era un sinxelo camiño ou rúa dunha aldea na que unhas casas do mesmo pobo eran portuguesas e as que estaban fronte eran galegas. As comisións internacionais mixtas de lindes tiveron que sortear estas circunstancias motivando o troco duns pobos que pasaban a seren portugueses por outros que pasaban a seren galegos. Malia estes trocamentos xeográficos a cultura e lingua eran comúns.
Esa historia que compartimos deu coma froito unha lírica profana galego-portuguesa que é unha marabilla cultural e territorial que noutros tempos denominouse Gallaecia, e que hoxe volve recuperar a súa identidade nun novo marco propiciado polas institucións europeas.
Nesa pervivencia cultural producíronse obras literarias como o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, de Gabriel Feixó Arauxo, datada en 1671, que se ten como a primeira obra de teatro escrita en lingua galega. Un texto literario que escenifica as liortas dos mariñeiros da freguesía da Lapela, do concello de Monçao e da freguesía de Caldelas de Tui por mor da explotación dos recursos pequeiros do rio Miño. O Entremés famoso sobre da pesca do río Miño amais de ser é unha peza literaria que nos informa da mancomunidade de pobos da fronteira que nunca desapareceu, arrequeceu o Dereito consuetudinario que afortalou un proceso histórico agora, pasados os séculos, é recuperado pola Unión Europea.
A fronteira miñota foise trenzado con fitos culturais que abordaron a idiosincrasia que nos identifica. O poeta monçense, Joâo Verde, pertencente ao chamado movemento de escritores rexionalistas, que tiñan como fonte de inspiración ese gran territorio galaico-portugués, é autor dun poemario titulado Ares da Raya no que atopamos unha oitava na que recoñece a unidade territorial e cultural de ambos pobos Véndo-os assim tâo pertinho,/A Galiza mail´o Minho/Sâo como dois namorados/Que o río traz separados/Quasi desde o nascimento./Deixal-os, pois, namorar,/Já que os paes para casar/Lhes nâo dâo consentimento/.
Pero sen dúbida a creación máis xenuina que os homes e mulleres que cohabitaron durante ese delongado período compartido son as cantigas profanas galaico portuguesas que constitúen un dos máis importantes patrimonios culturais da humanidade. Son creacións que evidencian a existencia dunha identidade común que só os avatares políticos intentaron desfigurar. Pero velaí están falando unha mesma lingua e compartindo formas culturais expresadas liricamente.
A conmemoración do 350 aniversario da publicación do Entremés famoso sobre da pesca do río Miño de Feixoo Arauxo ofrécenos a oportunidade de afondar na historia duns pobos con identidade común que agora andan camiño do reencontro ao abeiro dos acordos de cooperación transfronteirizos propiciados polo Tratado de Maastricht en 1993 coa creación dos Comités das Rexións e os programas de cohesión territorial transfronteirizos.
O colectivo Galeguizar Galicia, onde se encontra a Asociación de Amigos do Couto Mixto, que practica desde hai ben tempo o reencontro dos pobos de aquel e alén da fronteira, quixo aproveitar esta efeméride para escenificar unha vez máis a unidade dos pobos galego e portugués deixando perenne memoria do que fomos e seguiremos a ser, coa colocación dun monumento realizado pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui, e facendo copartícipes desta celebración aos concellos galegos e portugueses que bordean a ribeira do Miño.
Xosé González Martinez.