en ámbitos inéditos.
“Vivimos nun mundo en constante movemento. A estratexias da globalización condicionan os ritmos dos pobos e das súas institucións. Implicarnos no proceso ou renunciar a estarmos no mundo, son dúas maneiras antagónicas de estar nel. Consideramos que Galiza debe estar presente nas institucións europeas e participar naquelas outras de ámbitos máis universais”. Esta é a declaración de intencións e a premisa inicial baixo a que se sustenta un novo portal de internet que aglutina a diferentes organizacións que pretenden normalizar a situación do galego en diferentes ámbitos, moitos deles inéditos. O seu nome é Galeguizar Galicia.
En galego
Estes colectivos son: a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, a Irmandade Xurídica Galega (INXUGA), a Fundación Lois Peña Novo, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, a Asociación Álvaro das Casas e o Foro Enrique Peinador. Un dos voceiros deste novo proxecto é Xosé González Martínez, implicado de diferente xeito en todas as organizacións que se suman á iniciativa: “a idea xorde porque convivimos e compartimos obxectivos comúns, como é o traballo na procura de dinamizar en distintos ámbitos políticas lingüísticas que contribúan a normalizar o noso idioma”, explícanos. “O que queremos agora é facer visíbel ese traballo na rede, ofrecer unha imaxe plural, evitando confrontacións de ningún tipo, senón traballando dende abaixo e, en definitiva, promover un estímulo con iniciativas e propostas que provoquen unha maior autoestima e conciencia de país”. Deste obxectivo xorde “Galeguizar Galicia”, uns termos que “non inventamos, senón que están xa presentes na obra de Lois Peña Novo e que quixemos recuperar”, explica González. “Agora o que queremos é botar a andar a web, actualizala de xeito continuo e sumarlle ligazóns dende outras páxinas relacionadas”, detalla, e así convertela nun xeito de achegarse ao traballo diario e silencioso de moitas organizacións.