Manifesto U.C.R.A.

    Manifiesto U.C.R.A.
    Manifiesto U.C.R.A.

    Hai un ano, a asociación Álvaro das Casas empezou o seu percorrido polos camiños da cultura deste país, procurando fornecer de iniciativas e ideas os idílicos recantos das terras do Avia. Ó longo destas pequenas categorías do tempo transcorrido a asociación foi quen de dinamizar e dar volume e densidade ó acervo cultural desta comarca.

    Con motivo da constitución e posterior presentación en público desta entidade cultural publicamos en facsímile o discurso de Álvaro das Casas “Verbas aos mozos galegos” que tivo lugar no paraninfo da universidade de Santiago de Compostela o nove de marzo de 1933. Pois ben, ó cabo dun ano desa publicación presentamos o Manifesto da UCRA, redactado en Ribadavia por Álvaro das Casas, en xaneiro de 1936. Hoxe, visto desde a perspectiva dos anos, ese escrito abráianos coa súa mensaxe e sorpréndenos polo momento en que foi redactado, deixándonos engaiolados na maxia desa pasmosa actualidade que segue tendo na panóptica da globalización. A globalización dos mercados, a mellora da calidade dos viños, o cooperativismo, a publicidade dos productos,… son chanzos que cómpre poñer nesa escada pola que hai que rubir ó éxito. Álvaro das Casas, lúcido espectador da psicoloxía ribeirá, utilizou con destreza o seu rol de intelectual comprometido para chegar á sensibilidade dos seus paisanos. Fíxolles ver, convulsionando os fíos telúricos que tecen a natureza das persoas, a necesidade de sublimar a súa autoestima modernizando as técnicas de producción e deseñando estratexias de consumo. Era unha mensaxe dirixida a persoas que vivían exclusivamente do traballo do viño e cuxas ilusións empezaban ó outro lado da desesperación, onde as xenerosas esperanzas adoitan facer o seu niño e os demagogos aproveitan para poñer trampas.

    Converxendo no pensamento orteguiano segundo o cal as cousas, ó entraren no ámbito do pretérito, quedan despoxadas de toda adherencia utilitaria, empezando a vivir do seu vigor esencial, considero un relento de intelixencia para a socioloxía galega o manifesto da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia, redactado por Álvaro das Casas, de cuxa asociación era presidente. Neste manifesto concentrado nun heptálogo ideolóxico non falta un ton de esixencia implacable nin o recendo dun vedoiro que no horizonte da súa percepción procaz anticipaba refachos de realidades futuras.

    A vehemencia do discurso deixa relocir o espírito crítico do autor, pero sabedor don Álvaro de que as eternas preguntas do ser humano sobre cómo mitigar os sufrimentos volverán resoar urxentes, procura lanzar unha operación de rescate moral e social para os silandeiros e sufridos ribeiráns. No Ribeiro a vida está acazapada, tremelicosamente agochada, e o autor deste manifesto reivindica con afouteza a dignidade dunhas persoas laboriosas e honradas, poñéndolle rostro á historia destas terras do Avia. É a forma de lles prestar un servizo ós seus paisanos e de lle ofrecer expectativas de esperanza a un surtido de formas de vida que eran confesión manifesta de caducidade inevitable.

    O rigoroso comentario sobre a contextualización do manifesto, realizado polo profesor D. Luís Domínguez, fainos comprender a oportuna publicación do texto e proporciónanos as claves das arelas redentoras de don Álvaro, quen loitou contra o terrible poder de inercia que levaba a contentarse a centos de colleiteiros co anaco de vida que lles era habitual. Grazas a el as novas xeracións do Ribeiro do Avia atópanse cunha envexada herdanza que as xeracións anteriores lle conquistaron ó tempo, podendo así vivir agora nun horizonte máis amplo e aberto, onde a existencia se revela socialmente digna e intelectualmente ateigada con luzadas de esperanza.

    Esposende, 24 de abril de 2004.

    Avelino Muleiro García.
    Presidente Asociación Álvaro das Casas.

    Deixar comentario

    Please enter your comment!
    Please enter your name here