A Fundación Lois Peña Novo cumpre dez anos de existencia. Durante este tempo e guiados polo pensamento daquel egrexio nacionalista galego intentamos animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia coa institucionalización duns premios que levan o seu nome.
O nome da Fundación non é unha casualidade. Responde a un interese dos seus fundadores por perpetuar o exemplo de quen soubo, en tempos pretéritos, dignificar a lingua galega e os símbolos de Galicia. Foi en 1920 cando sendo concelleiro de A Coruña, utilizou a lingua galega na toma de posesión e a nosa lingua foi, por fin, falada nas sesións do Concello do Pazo de María Pita, e, pola moción de Peña Novo, a bandeira galega ondeou no balcón desa casa o Día da Patria Galega.
Ao longo da súa vida, Lois Peña Novo, exerceu o seu maxisterio galeguista utilizando a palabra e a escrita. Tales eran as divisas dun intelectual que marcou profundamente o galeguismo do século XX. O seu labor periodístico quedou reflectido en centos de artigos publicados nos xornais da época. Algúns foron publicados en castelán, que nós traducimos agora ao galego normativo; outros foron escritos no galego de entón e así os reproducimos. A escolma que presentamos deixa constancia do seu pensamento e do seu profundo saber. A filosofía de moitos destes artigos segue a ter vixencia hoxe malia teren transcorrido, nalgúns casos, setenta anos ou máis.