O Parlamento de Galicia acolle o acto de entrega dos XXVII Premios de Publicidade en Galego

• O presidente do Lexislativo parabenizou os galardoados, entre os que figura unha mención especial ao Almanaque Agrícola ZZ
• O xurado galardoou traballos  do IES Leixa, Martín Códax, Grupo Cuevas, Aqualia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Santiago, 22 de marzo de 2021.- Este mediodía o Parlamento de Galicia acolleu o acto de entrega dos XXVII Premios de Publicidade en Galego, convocados en conxunto polo Foro Enrique Peinador, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da  Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a propia Cámara galega. Estas entidades son as responsables de garantir a continuidade do certame após a disolución do Consello Asesor da RTVE en Galicia, impulsor orixinal da iniciativa.
A presente edición contou coa participación de 22 traballos nas cinco categorías de publicidade en prensa, radio, TV, Internet ou centro educativo. O xurado outorgou os  galardóns tanto á empresa anunciante como á axencia de publicidade responsable da campaña e valorou a singularidade dos traballos, o seu impacto positivo na lingua, os contidos multimedia e a calidade lingüística.
Cinco premiados e unha mención
A candidatura premiada na categoría de prensa escrita foi o anuncio Fillo do Atlántico das adegas Martín Códax e producido por &Rosás, pola “calidade artística e lingüística” e por “ilustrar e visibilizar o compromiso firme de responsabilidade social coa lingua galega”. Na modalidade de radio o traballo galardoado foi H2ohhh!!!, unha produción de Ecovigo Publicidad, SL para Aqualia, por “asociar a lingua galega ao desenvolvemento sustentable e aos valores positivos”.
Nos spots televisivos o certame destacou a peza Non é tabú, é a vida. Falamos?, ideada por 100×100 Creatividade + Comunicación para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O xurado estimou a “excelencia lingüística e orixinalidade técnica” da creación. No ámbito da Internet a Comisión de Valoración quixo distinguir a campaña dixital Gústame ir ao súper, elaborada pola axencia NEOZINK para o Grupo Cuevas, debido á súa “imaxe de normalidade, coherencia e compromiso no emprego do idioma”.
Paralelamente, na categoría de centros de ensino o premiado foi o IES Leixa (Centro Estrela PluriFP)  de Ferrol, polo anuncio Somos 60% auga dada a súa “creatividade e orixinalidade técnica e lingüística”. Por último, o xurado decidiu outorgar unha mención honorífica ao Almanaque Agrícola ZZ, “pola promoción do uso da lingua galega e o seu uso continuado na comunicación e difusión publicitarias”.
“Compromiso e unha decisión intelixente”
No seu discurso, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quixo felicitar as entidades galardoadas e lembrar o compromiso da institución co certame desde a disolución do órgano fundador, o Consello Asesor da RTVE Galicia. “Asumimos a remuda desde o noso firme compromiso coa lingua galega, tesouro e sinal de identidade que estamos obrigados a preservar”, afirmou.
Ademais, Santalices valorou que a publicidade en galego non só constitúe un “compromiso coa cultura do país”, senón  que tamén o considerou “unha decisión intelixente e acertada” nas estratexias empresariais das entidades premiadas. “Neste momento de crise sanitaria, social e económica a publicidade volverá representar un papel destacado para animar á recuperación, ocasión propicia para animar a anunciantes e creativos a facer uso da lingua galega”, lembrou.
O presidente do Parlamento recordou que foi na botica da súa familia, en Bande, onde coñeceu o Almanaque Agrícola ZZ, editado integramente en galego de xeito ininterrompido desde 1952 e cuxo labor mereceu a mención de honra do xurado. “Aos artífices do Almanaque, e a todos e cada un dos galardoados nas diferentes modalidades, o meu recoñecemento e felicitación sinceras”, concluíu.
Ademais das persoas que recolleron o premio nas súas diferentes modalidades, o acto contou tamén coa intervención do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.