Unha extraordinaria biografía sobre unha vida exemplar
Con fonda e manifesta alegría afronto a grata tarefa de prologar cun breve texto esta biografía de Enrique Peinador Lines. Debo este privilexio ao xesto xeneroso e amable —un máis entre moitos— que teñen comigo os amigos e amigas que integran o foro que leva o nome da persoa que con tanto acerto e rigor retrata nestas páxinas, para gozo e ilustración de quen as lean, Ricardo Gurriarán. Grazas a este historiador, a quen se lle debe a recuperación de personalidades imprescindibles e de capítulos determinantes– pero tantas veces esquecidos da nosa historia, rescatamos por fin, con toda a extensión e minuciosidade que o sentido da xustiza impón, a figura modélica de Enrique Peinador Lines.
Pertenceu Enrique Peinador a aquel grupo de empresarios galegos que, sen abdicar do seu ambicioso proxecto persoal e dos lexítimos beneficios materiais derivados da súa actividade económica e empresarial, asumiu paralelamente un compromiso cuxo ideario se baseou nunha sorte específica de responsabilidade social que poñía o acento en facer harmonizar a actividade dos negocios cos fins sociais, entre os que non quedaban excluídos os identitarios e os lingüísticos. Neste sentido, Enrique Peinador destacou por ser o pioneiro entre un colectivo de empresarios de éxito que ao longo do século XX mostraron unha tesitura empresarial que pode ser condensada naquel Galicia como tarefa que acuñou, anos despois, Valentín Paz Andrade, outro nome que cómpre adscribir a esta corrente de pensamento e de acción xunto aos de Antonio Fernández López, Manuel Puente, Ramón Obella Vidal, Xesús Canabal, Isidro Parga Pondal, Álvaro Gil ou o recentemente finado Isaac Díaz Pardo.
Para ben, a Galicia de hoxe é ben distinta á que coñeceron estes pioneiros. Unha das diferenzas, entre outras de gran calado, refírese a que a lingua galega xa non se percibe como un obstáculo para o progreso social nin para facer negocios. No entanto, a tarefa que aqueles pioneiros iniciaron permanece aínda inconclusa, e de aí que se deba apelar á responsabilidade social das empresas que traballan ou teñen o seu mercado en Galicia.
Unha das leccións que recibimos en legado de Enrique Peinador é que para sermos competitivos no acrisolado mundo dos negocios non temos que renunciar á nosa idiosincrasia: a economía galega debe ter acento propio nos mercados da globalidade. Demostrouno el a través do emporio empresarial que ergueu no sector do lecer ligado ao hidrotermalismo, ao que lle subministrou un cuño propio e aínda así —ou talvez por esta razón— logrou conectar con éxito cos complexos hidrotermais máis modernos, célebres e concorridos da Europa da época. Dende esa atalaia privilexiada, pero consciente de que non existían órganos de autogoberno nin institucións políticas propias, Enrique Peinador promove a creación da Asociación para o Fomento do Turismo de Galicia.
Así pois, non podemos máis que saudar a todos os empresarios e empresarias que hoxe secundan o exemplo de Enrique Peinador Lines e que, polo tanto, están a facer un exercicio de coherencia e apostan pola cohesión social e cultural de Galicia coa incorporación da lingua galega aos seus negocios como forma de recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos seus traballadores e dos seus clientes.
O Foro Enrique Peinador, como non podía ser doutro xeito, traballa arreo para facer posible a materialización do rico legado que o empresario pontevedrés nos deixou ás novas xeracións; un legado florecente e mais unha vida exemplar que agora pretende popularizar e estende aos catro ventos coa edición desta extraordinaria biografía.
Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística