Con máis de 2 millóns de falantes no momento presente e cunha tradición literaria que se remonta a 700 anos atrás –tradición na que non faltan pezas de ouro de innegable valor–, o galego é, en termos planetarios, unha lingua que dista moito de pertencer hoxe ao grupo das denominadas linguas minoritarias. De sermos rigorosos na nosa análise, coincidiremos en que a lingua que foi o código de expresión das persoas que habitaron Galicia durante os mil últimos anos está en condicións de seguilo a ser durante os mil anos futuros grazas á vontade inquebrantable dos seus falantes e porque no último século e medio existiron homes e mulleres que, comprometidos coa realidade social e cultural de Galicia, asumiron a tarefa de dignificar a lingua galega por medio da súa introdución naqueles ámbitos da sociedade nos que estaba relegada, como podía ser o do discurso científico ou o xudicial. Neste sentido, as Irmandades da Fala representaron un papel sen parangón no proceso histórico de facer do galego un idioma útil na totalidade dos múltiples e complexos ámbitos nos que se estrutura a vida moderna. Do exemplo deles cómpre aínda tirar algunhas leccións para o presente, se queremos que os retos que nos propuxemos hoxe non se convirtan en frustración.
Por iso debemos saudar a publicación de Os xuristas das Irmandades da Fala, libro que se enmarca dentro desa dinámica de citas históricas imprescindibles, especialmente porque estamos a conmemorar o centenario da constitución das Irmandades en 1916. O mundo contemporáneo chama continuamente á nosa lingua a citas nas que non podemos deixar de estar, e xusto e necesario é que botemos a nosa mirada cara atrás para saber como responderon ás mesmas encrucilladas históricas as persoas que nos precederon e coas que compartimos motivacións, esixencias, empeños e esforzos corais.
Así pois, non podo máis que congratularme de que a Irmandade Xurídica Galega, asociación recipiendaria do espírito galeguista das Irmandades da Fala, sexa hoxe, cen anos despois, continuadora do relato de saberes e compromisos daquel grupo de persoas que traballaron sen desánimo e con intelixencia para que o galego fose tamén lingua dos estrados dos tribunais.
Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística