Xurxo Martínez González
Persoas que deixan pegadas na retina dos contemporáneos e feitos eternos lembrados ao andar polas rúas ou avenidas da cidade. Un compendio de experiencias acuguladas ao longo dos anos: relatos familiares, anécdotas amistosas ou sabores dun tempo fuxido que gustamos de lembrar en comunidade.
A veciñanza do Vigo mergullado nas tebras de Atila sabía da habelencia médica dun oftalmólogo compostelán, de nome Antón Beiras García, con consulta na céntrica rúa de Policarpo Sanz, no edificio Sanchón onde tamén estaba o despacho de Valentín Paz Andrade. Porque moita rapazada pasou por alí para corrixir o estrabismo e aquelas diagnoses valeron para que o doutor avanzase nos seus estudos científicos deica conformar a proposta do Vigoscopio.
Un grupo máis reducido coñecía a súa relación matrimonial cunha galega nada en Cuba, aínda que axiña de volta á terra. Antía Cal Vázquez era o nome da ideóloga da Escola Rosalía de Castro, un candil de claridade progresista e galeguista, unha forma de aplicar a pedagoxía educativa (inspirada na II República) que torna de novo a ser unha urxencia vital para uns pobos condenados á ignorancia polas administracións públicas e que esixe un traballo voluntarioso do conxunto para superalo. Ante a súa desidia, a nosa iniciativa.
Antón (Tucho entre os achegados) e Antía convertéronse nunha parella particular. A algunha xente chocáballe mirar a persoas de tan distinguido nivel social, de familias fortes, falando decote en galego. Un acto transgresor e heroico. Un exemplo firme de quen cren nas ideas. Un estímulo de dignidade. O propio Antón publicaría un dos primeiros artigos científicos na nosa lingua.
O doutor Beiras proviña dun carballo nacional, ou como dirían os paisanos “do país”, formado á sombra do Partido Galeguista e integrado nas “Ultreia” de Álvaro de las Casas, con Francisco Fernández del Riego á súa fronte. Pertencía ao clan das novas camadas destinadas a desenvolver un Estatuto fusilado cos máuseres feixistas. Cando a creación da Editorial Galaxia, alí está el. Reparade, pois, no coñecido cadro de Xohán Ledo que retrata o primeiro consello de xestión.
A morte roubóunolo en 1968, con 53 anos. O Padre Seixas deulle a despedida cunha homilía en galego. Disque uns amigos entregaron á viúva unha bandeira nosa para pousar encol do cadaleito.
Deica os nosos días chegou Antía Cal, que continuou a tarefa conxunta daquel matrimonio apostando polos vieiros pedagóxicos máis renovadores, por unha educación integradora, de relación estreita entre alumnado e profesorado, ilustrativa baixo as miradas atentas de figuras senlleiras penduradas nas salas de estudo ou corredores (dende o Che até Salvador Allende). Nos últimos anos comezaron os recoñecementos públicos polo seu traballo, cunha rúa na cidade viguesa ou a entrega do Premio Trasalba en 2012.
O 2 de marzal a Irmandade da Sanidade Galega homenaxeará ao distinguido médico. A descuberta dunha placa no edificio Sanchón sinalará ao longo dos anos que alí traballou un home entregado ao progreso científico dende os lentes de quen non agocha a súa identidade. E alí estará a súa viúva para lembrarnos, coa súa simple presenza, que existen razóns para seguir adiante, de non decaer no esforzo de manter acesas as ideas comúns malia os refachos de iniquidade xerados na epiderme da miseria humana.