Adoita suceder que os escritos xurídicos enviados a Madrid dende Galicia vaian redactados en castelán para evitar complicacións, en forma de recurso de casación, co argumento de non entender o galego. E iso malia que o Tribunal Supremo conta cun departamento de tradución. Carlos Varela, fiscal da Fiscalía Superior de Galicia, leva moitos anos facendo todos os escritos en galego, «sen problemas», di. O último non só foi validado e aceptado polo Supremo, senón que o seu recurso recibiu a felicitación da institución pola súa «corrección e brillantez».
A mediados de setembro, o Tribunal Supremo deu a razón ao Goberno galego na obriga de presentar o pasaporte covid para entrar en locais de hostalería e ocio nocturno, logo do recurso presentado polos servizos xurídicos da Xunta. Ese recurso, escrito en galego, incorporou ademais elementos e termos de ditames relacionados co coronavirus en Portugal e Brasil. «Ás veces non temos un vocabulario especializado en determinadas materias, como no penal ou contencioso administrativo. Neste caso inspireime noutros tribunais, como os portugueses ou brasileiros», explica Varela.
O fiscal procurou recursos e ditames similares no ordenamento xurídico destes países para importar novas palabras e fórmulas ao galego. «É unha lingua próxima ao galego e utilizable por nós. Temos unha vantaxe para empregar vocabulario moderno e utilizalo na linguaxe procesual», engade Varela. Así, substituíu formas clásicas como «en conformidade co disposto no artigo…» polo formato portugués «ao abrigo do artigo…». Tamén expresións lusas, como «toque de recoller» no canto de «toque de queda».
«É un aliciente ver que un texto en galego chegue sen obstáculos ao Supremo», recoñece, «o fiscal que o leu non tivo ningún inconveniente en que fose en galego sen ser el galego».
As palabras importadas quedan xa incorporadas á linguaxe xurídica galega, que segue a se enriquecer deste xeito. «Se un está convencido, con vontade e constancia non hai obstáculos insuperables», recomenda Carlos Varela, membro de distintas asociacións como o Foro Peinador para «normalizar o galego en todos os ámbitos».