La Voz de Galicia – Antón Beiras na memoria e no corazón

A Irmandade da Sanidade Galega celebra en Vigo un acto na honra de Antón Beiras.

Manuel Sánchez Salorio

E pídeme unhas verbas sobre quen foi o meu amigo e tamén compañeiro de aventuras e desventuras naquela súa orixinal invención para tratar o estrabismo que o propio Antón bautizou como Vigoscopio. Se agora pecho os ollos e abro a porta ao fluír das lembranzas, Antón aparece como un varón maduro, mesmo atlético, que non para de moverse. Movendo sempre aqueles seus ollos de miope, explorando incesantes todo o seu arredor. Lembro tamén e sobre todo a súa simpatía e a súa vitalidade. Esa forma particular da vitalidade que é a enerxía. Beiras era compacto, obstinado, enérxico e moi seguro de si mesmo pero a súa personalidade nada tiña que ver coa que é propia dun tipo duro. A solidariedade cos demais e mesmo as veces unha inesperada tenrura rompían ese posible perfil de dureza.

 

A capacidade de comunicación cos demais facía que esa súa vitalidade fora contaxiosa. Resulta ben curioso o que nos ocorre no trato cos demais. Benedetto Croce deixou dito que «pelma é aquel que nos quita a soidade sen darnos a compañía». Hai persoas que tan só saudalas percibimos que dentro de nós o ánimo se volve máis forte e que nos medran as ganas de vivir e de facer cousas importantes. Pola contra, hai outras que con só velas éntranos un xeito de preguiza.

 

Antón Beiras era o prototipo desa vitalidade contaxiosa. E iso era o que o facía orixinal, irrepetible. Nas conversas con Eckerman hai un momento no que se conta a visita de Napoleón a Goethe en Weimar. Eckerman pregunta: ¿cómo era, que aspecto tiña? E Goethe contesta: era sempre el, se vía que era el. Iso é todo. Valeu a pena telo coñecido.

 

Se alguén me preguntase como era Antón Beiras eu tamén diría: era el, sempre se vía que era el. Non se parecía a ninguén. Valeu a pena telo coñecido.

 

Antón foi o primeiro galeguista optimista que eu coñecín. Despois souben que tiña sufrido persecución e cadea pero endexamais o seu discurso foi o da queixa ou do vitimismo. Un día regaloume un exemplar da primeira edición de Sempre en Galiza. Agora búscoa na biblioteca e leo a dedicatoria: «A M.S.S. nestes días de alboradas dos pobos do mundo. Fraternalmente». Esa era a fonte da enerxía da Antón Beiras: a fe e a esperanza na alborada. Porque foi el quen -¡hai máis de cincuenta anos!- me fixo entender o que Sempre en Galiza significa. Sempre Antón Beiras andará pola miña memoria e o meu corazón.

Previous articleLa Voz de Galicia – Homenaje al doctor Beiras, el inventor del Vigoscopio
Next articleLa Voz de Galicia – A sanidade lembra ao oftalmólogo Antón Beiras