No libro titulado “Palabras da Terra. Galeguizar Galicia” editado en 2006, recóllense as opinións dun grupo de adegueiros que explican as razóns de etiquetaren os envases dos seus viños en lingua galega. Esther Teixeiro, da Ribeira Sacra, díxoo así: “O viño é unha desas marabillosas creacións que emanan do bo entendemento entre o home e a terra. Eu quero facerme entender cada vez cun maior número de xente e, polo mesmo, desexo que a lingua de Galicia sexa a forma de expresión que nos recoñeza e nos proxecte no mundo”. Hoxe xa se etiquetan en galego moitos outros produtos de consumo.
Hoxe podemos atopar no mercado moitas marcas etiquetadas en galego, cun deseño atractivo no que campan textos de excelente calidade literaria. A min gústanme tanto que teño algunhas botellas que non quero descorchar pola orixinalidade dos textos das súas etiquetas. Un bo relato sobre as cualidades dos viños outórgalle á marca que o leva unha singularidade que se agradece. García Sabell, o médico humanista que utilizou a lingua galega para escribir ensaios científicos, e que gustaba dos nosos augardentes, quedou engaiolado cando recibíu unha botella da colleita de Otero Pedraio á que o señor de Trasalba lle pegara un poema, quedou enfeitizado ao tempo que amolado “porque agora xa non se pode beber o augardente”.
A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros-Foro E. Peinador, celebrará o próximo día 11, ás 12:00 horas, na igrexa da Madalena de Ribdavia un acto de transcental importancia para a galeguización no que máis de vintecinco marcas comerciais pasarán a engrosar a ampla nómina das que xa fan parte da Irmandade que ten un dobre obxectivo: proxectar e prestixiar a lingua galega nos mercados a onde cheguen eses produtos, e chamar aos galegos a fidelizaren o consumo ás marcas que se identifiquen co valor máis singular que ten a nosa cultura, a lingua galega.
Servidor, que é moi teimoso na defensa da alianza entre a economía e a lingua,tense dirixido a través deste medio en máis dunha ocasión aos sectores máis dinámicos na reivindicación da nosa identidade para que reflexionen sobre a oportunidade de galeguizaren o seu consumo. Apoiando os produtos galegos que pregoan as súas excelencias no noso idioma é a mellor arma para afortalar os nosos sectortes produtivos e asegurarlle á lingua un futuro certo.
En certa ocasión escoiteille dicir ao escritor e pensador Manuel Vázquez Montalbán, de pais galegos da Pobra de San Xulián, capital do concello de Láncara, que “un pobo que non bebe o seu viño e non come o seu queixo, ten un grave problema de identidade”. Faltoulle facer referencia á lingua de oríxe, porque naquel tempo non era obrigada a etiquetaxe.
Convido ao lector ou lectora a que lle bote unha pensada ao exposto. Galicia prescisa de consumidores responsables e solidarios coas xentes que no medio rural manteñen en pé a ilusión de pervivencia dunha parte do pais.A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros-Foro E. Peinador, mediante campañas publicitarias periódicas anima á cidadanía á galeguización dos hábitos de consumo.
Home Foro Enrique Peinador