Faro de Vigo – 70 aniversario do “Almanaque Agrícola ZZ”

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

O primeiro anuncio publicado en galego na prensa escrita foi inserido en 1889 en moitos números do semanario lucense “A Monteira”. O reclamo publicitario era do representante oficial naquela cidade da “Compañía Fabril Singer”, fabricante de máquinas de coser, que as ofrecía “con notabres rebaixas de prezos”. Moitos anos despois, Enrique Peinador Lines publicitaba tamén en galego as súas empresas -Augas de Mondariz e o Balneario- en páxinas enteiras na revista “Nós”.
Coa sublevación militar de 1936 desapareceu a publicidade en galego de todos os medios de comunicación, ata que en 1952 o Laboratorio Zeltia distribuíu de balde o “Almanaque Agrícola ZZ” editado integramente en lingua galega con máis de cen páxinas. Foi durante moitas décadas a única publicación comercial periódica de tales proporcións editada no noso idioma que aínda se segue a editar con sucesivas renovacións no seu deseño, conservando a estética peculiar das súas ilustracións. Son, xa que logo, setenta anos de edición ininterrompida.
Podemos afirmar que esta publicación foi a única que estaba na maior parte dos fogares labregos dada a utilidade que tiña para os seus usuarios. O éxito de tal publicación radicaba nos seus contidos: cando e como facer as sementeiras segundo as lúas, os produtos que os laboratorios ofrecían para combateren as enfermidades do agro ou dos animais, información sobre as lúas moi útil para as sementeiras e todo iso completado con contos breves do gusto popular e un amplísimo refraneiro, cando as paremias eran recursos usados nos relatos orais.

Que unha publicación fose editada en lingua galega durante o franquismo débeselle ao empeño que lle puxo Antonio Fernández, empresario de militancia galeguista, malia as prohibicións gobernamentais. O 25 de xaneiro de 1962 o Ministerio de Información e Turismo comunicáballe ao laboratorio que incoaba expediente “por la edición de un folleto titulado Almanaque Agricola ZZ contraviniendo la Orde de 29 de abril de 1938 y demas disposiciones complementarias”, ronsel daquel outro decreto que obrigaba ás empresas a levaren a contabilidade en castelán (1773). A ameaza non tivo ningunha transcendencia porque as autoridades franquistas coñecían moi ben o que representaba Zeltia naqueles tempos, distinguíndoa coa honra de “Industria de Interese Nacional”.
Antonio Fernández López, amais de ser Presidente do Consello de Administración de Zeltia, foi cofundador da Editorial Galaxia que editou a Revista de Economía de Galicia, integrándose no seu consello de redación, entre outros, os seus socios da empresa, Álvaro Gil Varela e Isidro Parga Pondal. No número 1 da revista, correspondente a xaneiro-febreiro de 1958, explicitan con nidieza a necesidade de vencellar a economía e a cultura afirmando que “o factor económico inflúe na cultura. Pero non é menos certo que a cultura inflúe decisivamente no desenrolo económico, xa que a investigación económica é unha actividade cultural cuxos resultados son decisivos, de xeito especial, no desenrolo da vida económica en canto realidade concreta”.
Aquela xeración de empresarios e intelectuais galeguistas chamaba ao empresariado ao compromiso coa defensa dos valores patrimoniais de Galicia con esta afirmación: “Se a investigación da nosa realidade económica é unha tarefa cultural case intacta, a culpa non é dos poetas, dos artistas, dos historiadores ou dos etnólogos, que non son os chamados a facela”. Para os fundadores de Zeltia a galeguización de Galicia era unha tarefa de todos, incluídos os empresarios. Velaí a singularidade e actualidade do seu discurso e acción naqueles anos de desfeitas programadas a mantenta polos xerarcas do franquismo. Son pois, os precursores da filosofía da Responsabilidade Social Corportativa e da fórmula aritmética tan en uso actualmente, I+D+i, á que eles lle engadiron o ”G” un sumando máis alusivo ao galeguismo empresarial.

O próximo día 28, ás 11.00 horas celebrarase un acto ao que están convidados os empresarios e empresarias dos dous polígonos industriais do Porriño, e aberto ao público en xeral, promovido polo Foro E. Peinador coa colaboración do Concello, a Xunta de Galicia e Syngenta, unha multinacional farmacéutica foránea, respetuosa coa cultura e lingua de Galicia a quen deberían imitar todas as demais que se din autóctonas.

Previous articleGalicia Digital – Mellor nos iría
Next articleLa Voz de Galicia – O Porriño celebra os 70 anos do almanaque agrícola ZZ