Todos os anos nos limiares do Nadal o Foro E.Peinador-Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros mobiliza os medios que ten a man para espertar nos galegos as prácticas do consumo responsable e galeguizado.
A falta dunha maior autoestima, que é un ben escaso, disfrázase con discursos épicos que observamos nas prácticas cotiás ritualizadas sen rubor. Non hai máis que observar as escenas representadas e prestar atención ás mensaxes que as acompañan con hipócritas proclamas de fervor galeguista. Editores e escritores presentando novidades editoriais demandando lectores para elas; sindicalistas participando en convocatorias públicas debullando as circunstancias das crises económicas, reclamando “máis postos de traballo na terra”; partidos políticos apelando á estratexia da soberanía e denunciando os desequilibrios territoriais do país; actores e actrices de teatro e audiovisual galegos chamando á asistencia dos seus espectáculos; agrupacións musicais de todo tipo instando ás comisións de festas que contraten as súas actuacións; milleiros de delegados sindicais demandando melloras salariais e laborais; moitos centos de profesores de Lingua Galega esforzándose en transmitir ao alumnado a defensa da nosa rica tradición literaria. Nunca tivo a lingua galega tantos medios persoais e económicos e tan magros resultados a súa normalización; dirixentes veciñais e culturais solicitando das institucións públicas máis apoios económicos para o desenvolvemento das súas actividades.
Thank you for watching
Este conglomerado plural de activistas culturais participarán nestas datas en xantares e ceas de Nadal que tanto se prodigan. En tanto consumidores incoherentes non asumen o criterio da discriminación positiva para afortalaren o noso tecido produtivo e apoio ás marcas que se etiquetan no noso idioma. Esta mesma escenografía repítese ano tras ano nas celebracións destas festas nas mesas compartidas por familias que se viron obrigadas a desprazárense das aldeas ás cidades na procura de novas oportunidades co incomprensible comportamento de deixaren ao pairo a familiares e veciños que manteñen no rural pequenas explotacións e heróicas industrias de elaboración de produtos de excelente calidade malvivindo por falta de consumidores.
Teño participado como convidado en moitos actos convocados polos anteditos axentes sociais. Rematados os tempos das proclamas pronunciadas, as celebracións gastronómicas que lles seguen son a expresión contraditoria do galeguismo que din profesar, minusvalorando o patriótico galeguismo das marcas comerciais que se identifican coa nosa lingua, excluíndoas dos menús.
A terra pide pobo. Se non hai conciencia de galeguismo doméstico, máis aló do que se adoita manifestar nas grandes solemnidades, a reconstrución da identidade nacional ten un futuro inzado de dificultades. De tal maneira que a ninguén debe alporizar que desde aquí afirmemos que son os propios galegos os causantes do noso desartellamento identitario guindando pedras ao seu tellado.
O Foro E. Peinador- Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros volve facer por estas datas o chamamento á solidariedade interterritorial para artellarmos un pensamento innovador e eficaz que dinamice a galeguización da economía ao tempo que a reforce. Cómprenos tecer unha rede de complicidades para espallar esta mensaxe facendo copartícipes desta acción a todos os galegos. A mellor maneira é a implicación nunha pedagoxía socrática compartida na que todos teñamos parte activa na regaleguización transversal do país. A lingua precisa ampliar os usos na actividade económica para garantirmos a súa plena normalización. Os consumidores, sobre todo os que profesan galeguismo, teñen moitas responsabilidades na consecución deste obxectivo. A terra pide pobo.