En Mondariz-Balneario, onde o galeguismo foi acollido por Enrique Peinador coas mellores galas e honras, pode o visitante beneficiarse das augas salutíferas ao tempo que xantar nun bo restaurante, no Regato de Valdecide, ao pé do regato que lles dá o nome. É un establecemento rexentado por Alejandro Pérez, un mozo formado no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, que goza de ben merecido prestixio.
O primeiro que chama a atención dos clientes que o visitan por primeira vez é o coidado interiorismo e mobiliario do establecemento, con moita luz natural.O trato afable e ampla oferta de produtos do país e peixes frescos do día son as mellores garantías de que un vai saír sempre ben servido e satisfeito. Para empezar, que é de agradecer, a Carta está redatada en galego. A súa adega ten cento vinte referencias, das cales o oitenta por cento son galegas, incluídas evidentemente as etiquetadas en galego. A carne é de vaca criada en Galicia e do Parque Natural do Xurés.O pan, exquisito, é da panadería Aval, feito “no Mondariz de arriba” como eles chaman ao concello lindante, exclusivamente para o restaurante a partir dunha receita de Alejandro. En definitiva, os clientes teñen moito onde escoller.
A semana pasado fun convidado unha vez máis polo alcalde José Antonio Lorenzo para prepararmos a celebración institucional do Día da Patria Galega que terá lugar o próximo día 23 perante a estatua de Enrique Peinador Lines. Mentres falabamos da necesidade de que este tipo de actos se celebren cada vez máis, fuxindo neles dos discurso retóricos, ocos e con referencias a lugares comúns, acordei das palabras de Vicente Risco cando afirmaba que Galicia non é, non pode ser nunca unha abstración á que non teñen tan afeitos os actuais discurseadores do 25 de xullo.
Tal reflexión servíulle ao Foro E. Peinador para solicitar por escrito e publicamente a todos os partidos políticos e sindicatos galegos unha participación máis activa de apoios aos produtos galegos e a galeguización das súas etiquetas. Se as características que definen a Galicia como nacionalidade son o idioma, o territorio, a vida económica, amais dos hábitos refletidos nunha comunidade de cultura, estas peculiaridades son indisociables para o feito constituinte da nación.O argumento é irrebatible. A interrelación entre eles son determinantes na identidade galega, mais é o caso lamentable que se adoitan disociar.
Nos partidos políticos e sindicatos están enrolados unha grande parte dos consumidores galegos que desde hai ben tempo lles viraron insolidariamente as costas aos produtos elaborados polas nosas industrias de transformación agroalimentarias, que sofren a desigual competitividade das ofertas foráneas, que contan con maiores medios para a comercialización nas grandes superficies e supermercados que inzan a xeografía do país. Esta circunstancia fai que sexa imposible a permanencia no tempo desas industrias e a conseguinte fixación de poboación no rural. O máis difícil de entender é que eses consumidores defendan o 25 de xullo un modelo de país enfrontado ao que practican o resto do ano.
Xa que logo, o Foro E. Peinador pídellles a todos os partidos políticos que ese día celebren actos que lles falen alto, claro e con criterios pedagóxicos aos seus militantes e achegados para que asuman o patriotismo económico mudando os seus hábitos de consumo aplicando principios de discriminación positiva, optando preferentemente polos propios; e entre eles, aqueles que pregoan en galego nas etiquetas as súas características. Se os milleiros de militantes políticos e sindicais cambiasen os seus criterios no consumo, estariamos no comezo da solución de dous grandes problemas: o da nosa economía e a ampliación das posibilidades de uso da nosa lingua. Pero para que iso aconteza cómpre unha vontade decidida e pedagóxicas desas organizacións.
Os nacionalistas/galeguistas teñen a oportunidade este 25 de xullo de ensaiaren un novo discurso máis de rente ao chan, demandándolles aos congregados de maneira expresa, clara e contundente, sen reviravoltas, máis compromiso práctico coa economía e a lingua.
No Regato de Valdecide teñen o exemplo.