Galicia Digital – Autonomismo sano y bien entendido

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Nos comezos dos anos sesenta o goberno franquista creara o Consejo Económico y Social del Noroeste. Tal hiperbólica denominación buscaba non mencionar o nome de Galicia ata que pasados os anos o alcalde de Pontevedra e procurador en Cortes Filgueira Valverde conseguira que se substituise o punto cardinal polo de Galicia. Eran tempos nos que a ideoloxía do réxime apelaba ao “regionalismo sano y bien entendido”. Hoxe aquel ideoloxema ten continuidade noutro semellante: “el autonomismo debe ser sano y bien entendido”.

Se vostede, amable lector ou lectora, busca nas redes sociais información sobre os consellos reguladores das denominacións de oríxe sorprenderase porque en todas as páxinas web o castelán aparece por defecto, e logo o galego e outros idiomas como outras opcións. No caso do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas atopará un mapa da súa xurisdición con topónimos preconstitucionais: El Grove, La Toja, Sanjenjo, Las Nieves, Sotomayor, La Lanzada, Salvatierra de Miño, Creciente, El Rosal…

A páxina web constitúe de seu, unha declaración de principios do autonomismo sano e ben entendido dos que dirixen o devandito ente vitivinícola. E fanno ademais con subvencións das consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural da Xunta de Galicia. Que se lle concedan a este consello regulador 800.000 euros anuais de subvención para publicidade destinada a deturpar o patrimonio cultural do país e non fomentar o uso da lingua galega é unha desviación grave que o Goberno galego debe corrixir decontado na próxima convocatoria pública de tales subvencións, incluíndo no texto unha referencia explícita á utilización do noso idioma e uso dos topónimos segundo o establecido polo decretos que os oficializaron.

Ben deitamos da inmensa maioría das cento e pico adegas da denominación de oríxe Rías Baixas que son respetuosas coas toponímias e denominan as súas marcas con nomes ben galegos alusivos á paisaxe e todo o que ela abranxe.

A Denominación de oríxe Rías Baixas está representada por 5.265 viticultores que traballan 4.100 hectáreas aproximadamente, sendo a comarca do Salnés o epicentro desta economía vinícola, seguida por orde de superficie traballada polas do Condado, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior.

Todas elas aglutinan a cento e pico de adegas que envasan un total aproximado de 40 millóns de botellas dedicando á exportación un 45% das mesmas.

O prestixio acadado polo viño albariño débeselle, entre outros valores, a escritores como Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Castroviejo e Plácido Castro que hai ben décadas botaran a andar a Feira do Albariño. Todos eles foron os auténticos creadores dunha marca país que asocia a calidade co uso da lingua galega. Foise creando asi, co paso dos anos, un enxamio de adegas que envasan os seus viños con nomes que non todos os consumidores saben interpretar. Pero esa non é razón para renunciar ao uso que definen ferramentas de traballo, eidos nos que se cultivan as vides, accidentes xeográficos, etc… que son de uso común dos viticultores. O importante é a calidade. A lingua é unha certificación da garantía da oríxe.

Galicia ten ao pé de catrocentas/catrocentas vinte adegas con tres ou catro marcas con cadansúa denominación específica. O Foro Peinador, nomeadamente a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, traballan na promoción do uso da lingua galega na etiquetaxe, existindo na actualidade no mercado máis de catrocentas marcas comprometidas co noso idioma derrubando os falsos mitos que aínda aniñan en moitos adegueiros que consideran que a lingua é unha eiva para colocaren os seus produtos nos mercados alén das nosas fronteiras. Non foi doado, pero conseguíuse artellar unha pedagoxía que escorrentase tales prexuízos. Chama a atención que haxa xente enroscada nese argumento cando nos nosos restaurantes, cafeterías e centros de distribución están á venda produtos cualificados como delicatessen, whiskys, champañas, vodkas, biters… etiquetados nas súas linguas respectivas.

A vide e os seus derivados non só constitúen unha actividade económica senón tamén un sinal de identidade cultural que abranxe eidos tan diversos como a paisaxe, gastronomía, literatura, o folclóre ou a vida social. A terra é o substrato, non só necesario senón fundamental, para que un viño teña nome, é o seu verdadeiro sinal de identidade.

É inadmisible que nun país no que a maioría dos viticultores teñen como lingua propia o galego, o Consello Regulador das Rías Baixas teña recuado no seu uso nos últimos quince anos. Fano así porque saben que canto máis forte é a personalidade dun pobo, máis intenta desenrolalo seu idioma e canto máis débil é, máis intenta agochalo. Por esa razón, que non é inocente, actúan a mantenta da maneira que denunciamos.

Cómpre que a política de subvencións da Xunta de Galicia obrigue aos Consellos Reguladores a usar a lingua galega porque tal é o mandato da Lei de Normalización Lingüística. Para conseguir este obxectivo as bases das convocatorias para as subvencións deben especificar como “conditio sine qua non” o respeto ao patrimonio cultural por parte das devanditas entidades, obrigándoas tamén a utilizaren a lingua galega nas contraetiquetas. Os consumidores e consumidoras non rexeitan os produtos por estaren en idiomas que descoñecen, o que buscan é a calidade do produto.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here