Un total de 14 empresas e cinco municipios asinaron este sábado un documento para potenciar o uso do galego na etiquetaxe de produtos. Trátase da Carta de Consumo Responsable e Solidario, presentada nun acto, que tivo lugar en Santiago para recoñecer o labor de empresas galegas que etiquetan os seus produtos de Galicia e na súa lingua.
Mediante esta iniciativa, aspírase a concienciar os empresarios de que a utilización do galego nos produtos permite que conten cun valor engadido, xa que o comprador coñece a súa procedencia. Este proxecto realízase dende 2013 e está promovido pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (Irgade) e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
En concreto, entre as empresas que asinaron a Carta e recibiron un diploma atopan Viñas e Adegas Galegas do Condado, Leite Noso, Galicia Rural Alimentaria e Sidra Sobreira. Así, as compañías comprometéronse coa calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais.
“IMPLICACIÓN”
No evento estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que valorou a “implicación” das empresas e dos municipios de A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo, Ferrol e Oroso (A Coruña), os rexedores da cal acudiron ao acto, nesta iniciativa. Ademais, Valentín García destacou as posibilidades de acción dos concellos neste sentido.
Na mesma liña, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou a “obriga” das administracións en relación coa difusión das oportunidades que ofrece o galego como “elemento de singularidade” na venda de produtos autóctonos.
Na presentación tamén interviñeron o coordinador xeral da Irgade, Xosé Carballido; a xerente de Leite Noso, Patricia Sánchez; o vicepresidente da Fegamp e alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Ademais, asistiron outros rexedores municipais.