Galicia Confidencial – Acto de homenaxe ao reitor Rodríguez Cadarso en Lubián

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

O día 15 de decembro de 1933 morría traxicamente no Concello de Lubián ( terras roubadas a Galicia por Javier de Burgos, o autor da división territorial por provincias), o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, don Alejandro Rodríguez Cadarso, cando viña de volta de Madrid onde participara nunha sesión das Cortes pola súa condición de deputado. O automóbil envorcou e precipitouse por un noiro.
Días antes participara no enterramento multitudinario do seu amigo e compañeiro de docencia na Facultade de Medicina Roberto Nóvoa Santos. Casualidades tráxicas, ambas as dúas, que conmoveron á comunidade universitaria e gran parte da intelectualidade comprometida coa causa republicana e galeguista.

Alejandro Rodríguez Cadarso, durante a súa etapa reitoral, é o autor material das melloras que beneficiarían á Facultade de Medicina: as aulas e laboratorios, asicomo o Instituto Anatómico e ao seu Museo. O profesor e historiador, Ricardo Gurriarán, autor dunha magnífica obra titulada “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)”, analiza con moito rigor a biografía do Reitor e as súas grandes obras, salientando a Residencia de Estudantes, proxectada polo arquitecto Jenaro de la Fuente.

Gurriarán define  así o labor de Rodriguez Cadarso: “Contiña no seu aval elementos importantes que en moi poucas persoas se podían dar: catedrático novo, docente implicado con profesionalidade demostrada, decisión e espírito innovador e aperturista; e experiencia política. Ao que había que engadir unhas caracteristicas persoais que conformaban unha actitude conciliadora e aberta, sen limitacións, e que ademais gozaba dun verbo fluído que o convertera nun gran comunicador, todas estas peculiaridades moi importantes para o caso”.

O seu prestixio e predicamento eran de tales magnitudes que algúns que viviron naqueles tempos recordan o día da proclamación da  II República en Santiago. Organizarase unha gran manifestación estudantil, que parou a súa marcha diante do edificio da Universidade, tendo que saír ao balcón o reitor Cadarso, reclamado polos participantes que coreaban vivas e frases alusivas de identificación do Reitor co acontecemento. A súa presenza activa en todos os  movementos reivindicativos da autonomía de Galicia tamén definen o seu discurso e pensamento galeguista.

Estas e outras louvas recordáronse no mes de novembro do ano 2022 no acto promovido pola Irmandade da Sanidade Galega na Facultade de Medicina para inaugurar un monumento ao investigador, oftalmólogo e galeguista Antón Beiras, que foi situado nos corredores da planta baixa do edificio da Facultade.

Rematado o acto, Carme P. Vaquero, a gran dinamizadora do colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) e máis eu reparamos no busto de Cadarso, obra do escultor Francisco Asorei, que está situado agora no vestíbulo do edificio despois de permanecer década arrombado nos sotos da Facultade. É bo momento – coincidiamos os dous- para que en decembro de 2023 o concello de Lubián (a Galicia irredenta na que se fala galego) organice un acto académico e descobra un monumento a Cadarso. Dito e feito: chamamos ao alcalde de Lubián, Felipe Lubián, galeguista de acción e pensamento, que aceptou decontado a proposta.

Como resultado da mesma o rexedor municipal vén de convocar para o próximo día 16 un acto na chamada popularmente “volta de Cadarso” para a colocación dun monolito con este texto: “Alejandro Rodríguez Cadarso. En Lubián o 15/12/1933 quedaron unidas para sempre as Hedradas e a memoria  do Reitor da USC”. A pedra leva uinha gravura coa súa caricatura feita polo pintor Maside. A seguir celebrarase un acto académico coas participacións do Reitor Magnífico (nunca tan ben dito) da USC, don Antonio López Díaz , o profesor Ricardo Gurriarán e Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística.

Previous articleEl Progreso – O valor das memorias Copiar
Next articleEl Progreso – Acto de homenaxe ao reitor Rodríguez Cadarso en Lubián