Adiantándose ao centenario do seu nacemento a Irmandade da Sanidade Galega, celebrará tal efeméride homenaxeando a Doutora Olimpia Valencia López, a primeira muller médica colexiada, especializada en toco-xinecoloxía.
A biografía desta profesional da medicina é apenas coñecida. Naceu an 1898 no concello de Baltar, terras arraianas, nas lindes do Couto Mixto, ese territorio histórico que seguramente ela coñeceu ben. Sen embargo, a súa vida, a partir dos doce anos, transcorreu en Vigo onde exerceu a partir do ano 1928 a súa profesión deica a súa morte en 1987.
Segundo o historiador Ricardo Gurriarán, Olimpia Valencia López ingresou na Facultade de Medicina en 1919 e licenciouse en 1925 con premio extraordinario, para trasladarse despois a Madrid para facer a tese de doutoramento dirixida polo prestixioso catedrático de obstectricia, doutor Recasens. A memoria de doutoramento levaba por título “La colosterinemia en la sangre de las operadas en relación con la anestesia quirúrgica”. Alí permaneceu aloxada na “Residencia de Señoritas”, de igual inspiración e modelo institucionista cá Residencia de Estudantes, que naceran co espírito de completar a formación académica e humana das alumnas. Por medio de complemento educativos reforzaba a súa formación: cursos, aprendizaxes de linguas modernas, viaxes ao estranxeiro… A súa directora foi María de Maeztu. Nese ambiente académico fixo amizade cunha xeración de intelectuais e investigadores que, co tempo, habían ser figuras senlleiras do pensamento, a pedagoxia e a ciencia.
En 1929 cunha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos trasládase a Alemania e Suiza para formarse en clínicas xinecolóxicas que arrequeceran a súa bagaxe científica na especialidade que lle había valer de gran reputación no exercicio profesional entre as súas pacientes en Vigo, onde tivo aberta consulta deica os oitenta e dous anos.
Polas súas ideas republicano-galeguistas sufríu persecución e castigos, mesmo un boicot a súa consulta por ser considerada “roja y separatista” por mor de ter asinado un manifesto a prol da República e do Estatuto de Autonomía. Malia este abafo, que soubo sortear con dignidade, non deixou de manter relacións co grupo de galeguistas da cidade aos que sempre se sentíu unida, entre os que figuraban os seus compañeiros, tamén médicos, Darío Álvarez Blázquez, Antón Beiras García e Ramón Obella Vidal. Foron tempos duros e difíciles, sobre todo para ela pola súa condición de muller progresista.
Foi unha das primeiras investigadoras científicas de Galicia, dinamizadora de institucións profesionais como a Academia Médico-Cirúrxica de Vigo. Tamén participou en foros importantes como as xornadas médicas galegas, e levou a cabo un papel importantes noutras instancias corporativas.
A Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico de Pontevedra vánlles renderlle homenaxe coa descuberta dunha placa, o próximo día 26 ás 12:00 horas, no edificio onde desenvolveu o seu exercicio profesional na rúa Uruguay no que ata hai ben pouco houbo unha placa anunciando a súa consulta: “Dra.Olimpia Valencia. Especialista de enfermedades de la mujer”. Media hora máis tarde, ás 13:00 horas, na sede social da delegación en Vigo do Colexio Médico, na rúa Ecuador, celebrarase un acto académico aberto ao público, no que formalizarán o seu ingreso na ISAGA unha trintena de profesionais da sanidade.
Home ISAGA