XIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega

    XIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega. 

    Con todo Dereito.

    A Irmandade Xurídica Galega, herdeira dun discurso galeguizador no ámbito do Dereito e da Xudicatura celebrou o día 11 de xuño a súa XIII Asemblea no Pazo de Fonseca en Compostela, facendo xirar o acto arredor da conmemoración do 50º aniversario do I Congreso do Dereito Galego celebrado na Coruña no ano 1972. 

    O presidente da Irmandade Xurídica D. Xoaquín Monteagudo Romero, fixo un relatorio sobre as múltiples actividades levadas a cabo pola Irmandade Xurídica nestes dous últimos anos a pesar das circunstancias excepcionais vividas.  

    A maxistrada Dª. Encarna Dasi na súa intervención fixo fincapé na necesidade de ampliar o uso da lingua galega no ámbito da administración de xustiza para adecuala á realidade social do país pois son os cidadáns os verdadeiros destinatarios dos servizos da administración pública. 

    Dª Ánxeles López Carballo, letrada da Administración de Xustiza, na súa intervención resaltou a necesidade de protección fronte a constante uniformización que os programas informáticos supoñen para o exercicio da profesión xurídica en galego. 

    Dª Elva Campo, oficial de notaría, tivo unhas palabras moi acaidas centrando a súa intervención no compromiso individual que cada un debe ter coa identidade e coa defensa da lingua galega no eido profesional. 

    Dª. Olga Failde, avogada membro da Irmandade Xurídica Galega, fixo unha intervención moi acaida sobre o papel da muller no exercicio do Dereito.

    Lendo a fórmula de compromiso de utilización da lingua galega no ámbito de traballo ingresaron 15 novos irmandiños e irmandiñas que recibiron cadanseu diploma acreditativo, o escudo da Irmandade Xurídica e unha insignia de prata.

    D. Luís Villares Naveira, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fixo un relatorio do que significou o I Congreso do Dereito Galego onde se recoñeceu a cooficialidade lingüística, alentando aos asistentes a utilizar a lingua galega en todos os actos xurídicos que se lles presenten. 

    Posteriormente fixo a louva de D. Andrés Salgueiro Armada e D. Xosé Manuel Beiras Torrado, dous dos xuristas que participaron naquel Congreso. 

    O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, destacou a importancia de que a Irmandade Xurídica Galega siga medrando con adhesións de operadores xurídicos que continúan “facendo do galego unha lingua de uso habitual, contribuíndo así a súa normalización nun ámbito de especialización como é o xurídico”.

    Nomeouse como Irmandiño de honra e entregouselle a insignia de ouro da Irmandade Xurídica a D. Antonio Díaz, Reitor da USC e profesor de Dereito Tributario polo seu compromiso coa lingua galega no exercicio da súa profesión que pechou o acto facendo un relatorio dos progresos da galeguización no ámbito universitario. 

    Previous articleA CONSTANCIA NA GALEGUIZACIÓN XURÍDICA
    Next articleA LINGUA GALEGA SINAL DE SEGURIDADE